España responde a Maduro declarando persoa non grata ao embaixador de Venezuela en Madrid

O Executivo venezolano déralle 72 horas ao embaixador español para que abandone o país

Nicolás Maduro. EFE
photo_camera Nicolás Maduro. EFE

O Goberno español anunciou este venres a declaración de persoa non grata ao embaixador de Venezuela en Madrid, nunha resposta "proporcional" e "de reciprocidade" á mesma medida adoptada este xoves polas autoridades de Caracas.

Desde Davos, onde asistía ao Foro Económico Mundial, o ministro de Exteriores, Alfonso Dastis, xa sinalara que España respondería á decisión de Venezuela e rexeitou as acusacións de "inxerencia" proferidas polo Goberno venezolano,

Dastis recalcou ademais que o único que fixo España desde o principio é "axudar ao proceso" de diálogo entre o Goberno de Nicolás Maduro e a oposición. 

Pola súa banda o portavoz do Gabinete español, Íñigo Méndez de Vigo, dixo en rolda de prensa tras a reunión semanal do Gabinete que o país quere manter unhas boas relacións con Venezuela e "lamenta" a medida contra o embaixador español en Caracas. 

VENEZUELA. O Goberno venezolano deu oficialmente un prazo de 72 horas ao embaixador español para que abandone o país tras ser declarado "persoa non grata".

Fontes do Ministerio de Exteriores confirmou que o embaixador Jesús Silva Fernández recibiu hai unhas horas a comunicación oficial pola que Venezuela lle declara persoa non grata e concédelle 72 horas para abandonar o país.

A decisión do Goberno de Nicolás Maduro foi anunciada este xoves polo ministro de Asuntos Exteriores de Venezuela, Jorge Arreaza, quen publicou un comunicado por Twitter.

A expulsión do diplomático español chega dous días despois de que o Executivo venezolano chamase a consultas ao seu embaixador en Madrid, Mario Isea, debido á "agresión injerencista e colonialista" do Goberno de España -unha decisión anunciada tamén a través de Twitter-.

Ademais, Venezuela entregou unha "contundente" nota de protesta a diplomáticos da Unión Europea acreditados no país polas sancións comunitarias contra sete altos funcionarios da nación caribeña.

Comentarios