Villares apela á "unidade" fronte ás críticas de Anova

O líder do partido instrumental prioriza os esforzos para "loitar contra á corrupción, a favor da democracia"

Luís Villares. LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Luís Villares. LAVANDEIRA JR. (Efe)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, fixo un chamamento á "unidade" no espazo político da esquerda rupturista para facer fronte á "grave situación" aberta tras a condena ao PP pola súa implicación na trama de corrupción Gürtel.

Así respondeu Villares este luns cuestionado sobre o comunicado da coordinadora de Anvoa no que lanzaba duras críticas contra o rumbo tomado pola dirección de En Marea que encabeza o maxistrado lucense e reclamaba iniciar un proceso interno para "reconstruír o espazo de unidade popular".

"Nada debe desviarnos do principal, que é desprazar aos que están a saquear o público do poder. Nesa liña estamos todos", comentou Villares que apelou á "unidade" en varias ocasións. "A mensaxe de En Marea é de unidade", agregou.

Anova, cuxo sector oficial móstrase crítico cunha dirección de En Marea que cren que "non representa" ao conxunto do espazo político, acusou o pasado sábado á cúpula do partido instrumental de centrar as súas "enerxías" en procesos internos e perder os "consensos fundacionais" do proxecto.

Así as cousas, Anova cre necesario emprender "de maneira inmediata" un proceso "colectivo" para reformular En Marea no que se "acheguen novamente" os sectores que conforman o universo rupturista en Galicia.

"UNIDADE"

Cuestionado sobre este asunto, Villares evitou pronunciarse sobre o comunicado da organización nacionalista, pero puxo o foco en que "a batería" de medidas para denunciar a corrupción do PP "demostra que o que fai En Marea é responder as expectativas cidadás de loita contra a corrupción e a favor da democracia".

"A situación é tan grave que todos temos que actuar en clave de unidade", remarcou o maxistrado lucense, quen, a reglón seguido, lembrou que o pasado sábado, o mesmo día en que Anova facía pública esa crítica ao rumbo tomado por En Marea, o órgano político do partido instrumental (o Consello das Mareas) acordou apoiar a moción de censura presentada polo PSOE contra Mariano Rajoy.

"A proposta que fixemos de apoio á moción de censura do PSOE significa unha cousa: unha transmisión clara dunha mensaxe social, que é que estamos todos unidos contra a corrupción, contra o saqueo do público e a favor dunha axenda social. Nada nos debe apartar desa unidade", concluíu. 

Comentarios