As 106 candeas da 'wasapeira' Paquita, unha galega cunha enerxía "a proba de bomba"

Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Paquita Salguero agradece a felicitación dos seus veciños. EFE

O seu nome é Paquita Salguero e todos os que a coñecen saben da súa gran devoción polas celebracións. Este xoves soprou 106 velas e tivo unha festa, non como sempre, doutro xeito. As súas veciñas organizáronlle unha sorpresa no patio de luces do seu edificio, situado fronte ao porto da Coruña.

A protagonista do aniversario ten axilidade e "unha vitalidade a proba de bomba", admite ela mesma nunha conversa por WhatsApp, ferramenta que manexa coma ninguén, cunha impresionante soltura. De feito, prefire escribir mensaxes antes que manter unha conversa telefónica, pois a súa capacidade auditiva non lle permite comprender ben por esa vía. Polo demais, o seu estado de saúde é "perfecto".

Debido ao decreto de alarma a centenaria non puido conmemorar o aniversario como habitualmente facía, ao grande, coas súas amizades". "Gustaríame celebralo porque teño o costume de gozar de todo o que se presente", relataba Paquita antes de coñecer todo o que prepararan para ela.

E así foi. Unha xornada marabillosa para unha anciá que en ningún momento chegou a poñerse triste por pasar este 7 de maio dun xeito tan diferente. O seu carácter axuda, "porque non me parece mal nada". Así fala de si mesma.

"Atópome igual que cando tiña 18, claro, con menos conquistas, pero co mesmo humor e optimismo", di Paquita

Diferentes versións do cumpreanos feliz e cancións de tuna como Clavelitos resoaron este xoves, cando os moradores do seu edificio se asomaron entre aplausos ao patio, decorado con numerosos globos e unha gran pancarta, para ofrecerlle o festexo máis orixinal que ela puido imaxinar.

"Vexo a vida de cor de rosa. ¡E que non perda a alegría de seguir vivindo dándome conta de que o vivo!", desexa esta centenaria, moi agradecida. Arroupada pola comunidade veciñal e pola súa sobriña Carmina, coa que vive, esta galega "moi optimista" desprende felicidade e un sorprendente dinamismo máis propio dunha adolescente, como ela mesma recoñece.

"Atópome igual que cando tiña 18, claro, con menos conquistas, pero co mesmo humor e optimismo que o día que cumprín a maioría de idade", comenta. O seu día a día non empeorou co paso do tempo. Sae, pasea, le, escoita e ri con moitísima frecuencia. Goza de boa saúde, pois, como di, "grazas a deus" só toma "unha pastilla ao día para que se abranden as comidas".

A nena dos faros
Proc/JFIF/EFE-Calidad:ExcelentePaquita Salguero naceu en 1914 e viviu ata os 13 anos en cinco faros diferentes. "A nena dos faros" é, precisamente, como quere titular a súa biografía o seu amigo Jesús Fraiz, recoñecido especialista internacional no estudo da lonxevidade, que entregou este ano a Paquita o diploma de súper centenaria, distinción outorgada a aqueles que superan as 105 primaveras.

Os seus pais faleceron cando era pequena e residiu co seu tío, que era fareiro, en distintos puntos da Costa da Morte, como en Malpica ou as illas Sisargas, conta a Efe este psiquiatra, que quere plasmar as vivencias de Paquita nun libro.

Salguero habitou tamén no faro de Cabo Torres en Gijón e cando era unha adolescente asentouse na cidade herculina, onde aínda se atopa, gozando do don da longa vida. "Todo grazas a deus, que é o que me dirixe os meus pasos", di Paquita nun áxil intercambio de mensaxes.

Comentarios