A patronal galega rexeita a folga do 8-M porque pode "prexudicar" a iniciativas de negociación pola igualdade

Antonio Fontenla. EFE
photo_camera Antonio Fontenla. EFE

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) rexeita a folga feminista do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, porque "afectará á produción e prestación de servizos das empresas" e porque "pode prexudicar" –alega– a iniciativas de negociación impulsadas no ámbito da igualdade. 

A pesar de non apoiar a convocatoria, a patronal manifestou nun comunicado o seu "compromiso coa consecución da igualdade de xénero e a eliminación de calquera discriminación directa ou indirecta". 

Neste sentido, a CEG asegurou que xa traballa en "varias mesas de participación e diálogo social" nas que se abordan iniciativas neste ámbito. 

Segundo explicou, un dos órganos creados é a comisión consultiva para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais, no que se abordan iniciativas como unha guía de boas prácticas en materia de igualdade na negociación colectiva e a elaboración dun protocolo contra o acoso no ámbito laboral. 

Do mesmo xeito, a CEG lembrou que se acordou unha cláusula tipo sobre violencia de xénero para os negociadores en convenios colectivos, ademais dun acordo macro de igualdade adoptado pola patronal após reunións en 2017 coas organizacións sindicais máis representativas de Galicia.