Aberta a liña de axudas da Xunta para substituír 2.000 vehículos de máis de 10 anos

Dirixida a particulares, autónomos e empresas, pretende substituír os vehículos por novos modelos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente
 

Un coche eléctrico mientras carga la batería en el centro de Palma de Mallorca. LLITERES
photo_camera Un coche eléctrico. LLITERES

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o novo programa de axudas á mobilidade eficiente co que a Administración galega busca facilitar a substitución de 2.000 vehículos de máis de dez anos.

A liña de axudas, dirixida a particulares, autónomos e empresas, pretende substituír os vehículos por novos modelos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.

Ademais, tamén se repercutirá na xeración de actividade económica na industria galega da automoción, sobre todo entre concesionarios e puntos de venda autorizados.

A previsión é que nos próximos meses, grazas a este plan, se mobilicen 40 millóns de euros e se creen 320 postos de traballo directos.

A Xunta de Galicia busca tamén contribuír á mellora das vendas de automóbiles en Galicia posto que segundo os últimos datos rexistrados levan 11 meses de caídas consecutivas -entre agosto de 2018 e xuño deste ano-.

Para esta fin, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dispón este ano de 1,1 millóns de euros. En concreto, as axudas diríxense a persoas físicas residentes na Comunidade (800.000 euros) e a autónomos e empresas con domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia (300.000 euros).

A nova orde permitirá a adquisición de vehículos de ata 40.000 euros, impostos incluídos e, poderán ser tanto turismos como furgonetas.

Así, para o pago da axuda, ademais de acreditarse a baixa definitiva dun automóbil a achatarrar, este turismo ou furgoneta deberá estar matriculado en España, ter 10 anos de antigüidade como mínimo, coa ITV en vigor, e o futuro beneficiario debe ser o seu titular polo menos desde un ano antes de formalizar a solicitude de axuda.

As entidades colaboradoras, neste caso, concesionarios e puntos de venda autorizados en Galicia, encargaranse de solicitar as axudas en nome dos seus clientes.

Para ser entidade colaboradora, terá que realizar a súa inscrición nun máximo de cinco días hábiles desde a publicación do novo programa no DOG, mentres que o prazo para a solicitude das axudas estará aberto entre o 30 de xullo e o 15 de outubro, sendo nese mesmo período no que deberá ser comprado o vehículo.

Trátase dunha orde por concorrencia non competitiva e, polo tanto, a repartición dos fondos do Inega será por orde de chegada das solicitudes. 

Comentarios