sábado. 22.02.2020 |
El tiempo
sábado. 22.02.2020
El tiempo

A abstención do PP facilita a tramitación da lei para transferir tráfico a Galicia

Xoaquín Fernández Leiceaga. PEPE FERRÍN
Xoaquín Fernández Leiceaga. PEPE FERRÍN

A lei foi presentada polo PSdeG e os populares din que non "a obstaculizarán" pero ven "outras prioridades"

A abstención do PPdeG permitiu a aprobación por parte do Parlamento do inicio da tramitación da lei para a transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria desde o Estado á Administración autonómica. 

A lei, presentada polo PSdeG, saíu adiante cos votos favorables dos grupos da oposición e a abstención dos deputados do PPde, que xustificaron a súa postura de non "obstaculizar" a tramitación da lei a pesar de que consideran que existen "outras prioridades" para o "autogoberno de Galicia", como o traspaso da AP-9, o aumento do persoal da policía autonómica e unha dotación orzamentaria "xusta" por parte do Estado. 

Trátase da segunda vez que o Parlamento de Galicia aproba unha lei para a transferencia das competencias de tráfico a Galicia. En 2008, todos os grupos da Cámara galega apoiaron a proposición que, finalmente, foi rexeitada polo Congreso co voto en contra do PSOE e a abstención do PP.

UN 'DÉJÂ VU'. Na exposición da lei, o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, recoñeceu o "déjà vu" que supón volver traer a transferencia das competencias de tráfico ao Parlamento baixo "os mesmos argumentos" expostos hai unha década, cando o traspaso foi denegado nas Cortes, precisamente, polos votos do grupo maioritario en 2010, o socialista. 

Leiceaga, que en 2010 foi o encargado por parte do PSdeG de defender o texto da lei no debate do Congreso, asegurou que a "incerteza" política a nivel estatal coa inminencia das eleccións xerais do próximo 28 ano debe ser entendida como unha oportunidade para impulsar a transferencia fracasada hai unha década. 

"Temos o que se coñece como un veo de ignorancia. Non sabemos a que goberno e a que Congreso imos remitir esta iniciativa. Deberiamos tomar a decisión de enviala, prescindir de posicións tácticas e antepor o interese de Galicia", incidiu o portavoz socialista. 

Así as cousas, Fernández Leiceaga puxo o foco en que o traspaso sería "útil" porque melloraría a "eficacia" na xestión pública das estradas e, polo tanto, redundaría "en beneficio" da sociedade galega. 

"Non se trata dunha cuestión identitaria ou ideolóxica; é unha cuestión de racionalidade", aseverou Leiceaga, quen sostén que a rede viaria galega, na que "as rectas teñen nome e as curvas teñen número", conta cunhas "características propias" que, aínda que "son dificilmente modificables" desde a xestión pública, esta si pode "modulalas" para reducir a sinistralidade, un ámbito no que Galicia "permanece moi por encima da media estatal". 

Leiceaga recoñeceu que a tramitación da lei será "longa" e que, de ser autorizada polo Estado, a asunción das competencias de tráfico pola Xunta deberá ir acompañada da "dotación suficiente" de persoal para a Policía Autonómica e o desenvolvemento definitivo deste corpo, algo que "tería que facerse" na comisión mixta entre Estado e Goberno galego, algo que, segundo o portavoz do PSdeG, podería levar a cabo "paralelamente" á tramitación da lei de traspaso. 

Para o portavoz dos socialistas na Cámara, a defensa do "autonomismo" –atacado, ao seu xuízo, polo "centralismo e o independentismo"– supón un "reforzo do Estado, porque as autonomías son o Estado". "O mellor exemplo que podemos dar ao independentismo, neste caso catalán, é que cando hai transversalidade e respecto á lei, o Estado autonómico ten a capacidade para adaptarse ás características dun pobo como Galicia", remarcou.

O PP ve outras prioridades mentres En Marea e BNG critican as "contradicións" de PSOE e PP
O Partido Popular, da man do deputado Martín Fernández Prado, defendeu o argumento exposto nas últimas semanas desde as filas populares: o PP non renuncia ao "teito competencial" para Galicia, pero "prioriza" outras cuestións que considera "fundamentais" para o autogoberno, como o traspaso da AP-9, a dotación orzamentaria adecuada para a comunidade e o desenvolvemento da Policía Autonómica. 

Por parte de En Marea interveu a parlamentaria Carmen Santos, que censurou as "contradicións" de socialistas e populares, aos que recordou que as súas posturas provocaron que esta transferencia acumule "once anos de atraso". 

"Que cada un sexa claro nas súas posicións e que se faga que o que se di", exhortou Santos ao PP e ao PSOE, quen, ao seu xuízo, "dan bandazos dependendo de se están no goberno ou na oposición". "É moi cantoso", apostilou.

O deputado do BNG Luís Bará tamén cargou contra as "sucursais en Galicia" do Partido Popular e Partido Socialista, aos que acusa de votar "algo aquí e diferente no Estado" porque "cambian os papeis segundo manden en Madrid". 

Nesta liña, tras afear ao executivo de Alberto Núñez Feijóo o seu "cero patatero" en trasferencias logo dunha década á fronte da Xunta, o parlamentario nacionalista acusou a Leiceaga de dulcificar "a historia" do fracaso do traspaso en 2010 ao "omitir" o rexeitamento do PSOE no Congreso e disparou contra o PP polo seu argumento de que estas competencias "non son prioritarias nin necesarias". "Son vostedes máis centralistas que os de Madrid", espetou Bará aos populares. 

A abstención do PP facilita a tramitación da lei para transferir...
Comentarios