O acceso á infracción aberta contra España polo accidente de Angrois será privado

A defensora europea apoia a negativa da UE ► Ana Miranda insiste en que se deben facer públicos os documentos 
A curva de Angrois. AEP
photo_camera A curva de Angrois. AEP

A defensora do Pobo Europeo, Emily O'Reilly, apoiou a negativa da Comisión Europea (CE) a facer público o acceso á infracción aberta contra España en materia de seguridade ferroviaria polo accidente de Angrois ao considerar que o procedemento segue "en curso". 

Así o asegura nunha resposta á portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, na que considera que a negativa da está "legalmente xustificada" tendo en conta que o procedemento estaba en curso e, xa que logo, que a "divulgación dos documentos sería contraria á protección do obxectivo das actividades de inspección, investigación e auditoria". 

"O interese público garántese mellor se se permite que o procedemento continúe sen divulgarse publicamente os documentos solicitados", indica a defensora, que recoñece que a publicación si "podería ser precedente" nunha "fase posterior, unha vez que termine o procedemento ou se se produce un cambio de circunstancias que o xustifique". 

Na súa resposta, a defensora do Pobo Europeo asegura ser "consciente" da "magnitude" da traxedia de Angrois, na que faleceron 80 persoas e máis dun centenar resultaron feridas, así como do "desexo de que se esixan todas as responsabilidades que procedan no ámbito da seguridade ferroviaria en España".

Miranda recorda que o Estado non impulsou unha comisión de investigación independente e que non se depuraron responsabilidades políticas nin técnicas

O BNG ESIXE A DOCUMENTACIÓN. Unha vez coñecida a posición da defensora, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insistiu en que se debe coñecer esta documentación relacionada co accidente ferroviario rexistrado en 2013 en Santiago de Compostela e que motivou a apertura do proceso de infracción contra o Estado español en xaneiro deste ano. 

Miranda recorda que o Estado non impulsou unha comisión de investigación independente, que non se depuraron responsabilidades políticas nin técnicas, e que tampouco se implementou a normativa de seguridade europea para evitar outro accidente similar. Por iso, defende que a Comisión debe reconsiderar a súa negativa a facer públicos estes documentos e permitir que a sociedade coñeza as "causas reais" do sinistro. 

"Non entendemos que a Defensora do Pobo Europeo recoñeza por unha banda a magnitude da traxedia que deu lugar á reclamación e o desexo de que se esixan todas as responsabilidades e, por outro, considere que nesta fase do procedemento o interese público garántese mellor se non se permite o acceso", sinala Ana Miranda, que recorda a reunión que mantivo con Emily O'Reilly o pasado 2 de xullo. 

A pesar desta negativa da Comisión Europea a facer públicos os informes nos que se basea o procedemento de infracción, para Ana Miranda, "a esperanza de atopar a verdade e a xustiza para as vítimas segue estando no procedemento de infracción aberto en Europa".