Acepta dous anos de cárcere por dar unha cotenada a un home que tivo un altercado coa súa nai

O agredido sufriu un traumatismo cranioencefálico, traumatismo facial, perda dun dente e outros traumatismos na boca, fractura dos ósos propios, e outras lesións
Juzgados de Vigo, sección quinta de la Audiencia Provincial de Pontevedra. ADP
photo_camera Xulgado de Vigo, sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra. ADP

Un vigués acusado dun delito de lesións tras propinar unha cotenada na cara a outro aceptou unha condena de dous anos de prisión tras o acordo de conformidade alcanzado polas partes, e que evitou a celebración do xuízo previsto para este martes na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica. 

A Fiscalía pedía inicialmente para Joaquín A.L. unha condena de tres anos e nove meses de prisión, pero aceptou modificar o seu escrito de acusación, e tanto a acusación particular como a defensa se adheriron á nova petición. 

Os feitos remóntanse ao 31 de outubro de 2017 cando a nai do acusado paseaba co seu can polo Camiño Redomeira da cidade olívica. Polo mesmo viario camiñaba outro home, tamén co seu can, e ambos os animais encerelláronse, polo que o home e a muller acabaron tendo un altercado. 

O acusado, fillo da dona do can, atopábase cerca e observou os feitos. Así, dirixiuse ao home e propinoulle unha cotenada na cara, deixándoo inconsciente e facendo que caese ao chan. Como consecuencia do golpe, o agredido sufriu un traumatismo cranioencefálico, traumatismo facial, perda dun dente e outros traumatismos na boca, fractura dos ósos propios, e outras lesións. 

Por estes feitos, o procesado aceptou unha pena de dous anos de cárcere e indemnizará ao prexudicado en 21.000 euros (incluídas as costas da acusación). O tribunal determinou suspender a execución da pena por un período de 5 anos, coa condición de que Joaquín A.L. non delinca neste tempo, e sempre que pague a indemnización, a razón de 350 euros mensuais durante eses cinco anos.