Achan indicios en Padrón da pedra na que puido ser depositado o corpo do Apóstolo

Os especialistas lograron detectar unha estrutura que polas súas dimensións e morfoloxía encaixa coa descrita nos arquivos documentais do século XV e XVI

Un equipo de expertos en prospección achou indicios de pedra de grandes dimensións enterrada, similar á descrita en documentos medievais, nun lugar no que segundo unha lenda foi depositado o corpo do apóstolo Santiago na localidade coruñesa de Padrón.

Así o indicou este luns o equipo de expertos nun comunicado tras rastrexar cun georradar o lugar coñecido como A Barca para buscar indicios da pedra, un símbolo de gran transcendencia cultural.

Os especialistas lograron detectar "unha estrutura que polas súas dimensións e morfoloxía encaixa coa descrita nos arquivos documentais do século XV e XVI", que corresponde ao dunhas escaleiras que conducían á pedra na que foi posto o apóstolo.

A lenda establece que o corpo do Apóstolo, que foi decapitado hai dous milenios en Xerusalén, apareceu no século XII en Padrón dunha barca e foi depositado nunha roca

A roca detectada a máis dun metro de profundidade ten unhas escaleiras de cinco metros de longo e foi achada no subsolo da zona de prospección, un terreo municipal que hai medio século formaba parte do meandro do río Sar e que actualmente é un aparcadoiro público de vehículos asfaltado.

Unha lenda popular cultivada pola Igrexa católica establece que o corpo de Jacobo Zebedeo, convertido en apóstolo Santiago e decapitado hai dous milenios en Xerusalén, apareceu no século XII nesa zona a bordo dunha barca e foi depositado nunha roca de grandes dimensións.

Preto desa roca foi construído na Idade Media un embarcadoiro dotado dunhas escaleiras e dun humilladero, cuxos indicios foron achados agora.

No século XVI as autoridades locais decidiron botar a roca ao río para evitar que os peregrinos arrincasen pedazos e na década de 1960 a zona foi enchida e nivelada con áridos para canalizar o río Sar.

O equipo investigador prevé estudar agora con técnicas de prospección "xeofísica e tomografía eléctrica" o antigo meandro do Sar para "ampliar a sondaxe na zona de aparición do achado e ver se aparecen restos de estruturas asociadas a estas escaleiras e a propia roca", cuxa localización é precisamente o obxectivo desa iniciativa, segundo o arqueólogo Andrés Bonilla. 

Comentarios