Achan morto a un veciño de Combarro nas escaleiras do seu edificio

Todo apunta a que o deceso se produciu por causas naturais

Foto de arquivo dun coche da Policía Local.DP
photo_camera Policía Local de Poio.DP

Un home de 69 anos residente en Combarro foi achado este martes morto nas escaleiras do edificio no que residía, nun primeiro piso. O achado produciuse ao redor das 14.00 hroras, pero se presume que o home puido falecer na xornada anterior, posto que no edificio só residen dúas persoas e a única veciña —que foi a que o atopou— non saíra en toda a xornada anterior.

Fontes da Policía Local confirmaron que todo apunta a causas naturais neste deceso, que se produciu por mor da caída do home polas escaleiras, aínda que se descoñece se esa caída debeuse a calquera outro problema de saúde, como un desmaio ou se foi unicamente un resbalón. 

Aínda que inicialmente os veciños de Combarro avisaron ao 061, de inmediato comprobouse que o home falecera, polo que se procedeu a chamar ao Xulgado de Garda para que decretase o levantamento do cadáver. O procedemento completouse ao redor das 17.00 horas, aínda que segue pendente a autopsia do falecido para determinar a causa do óbito.

O home estaba xubilado e era coñecido en Combarro por frecuentar os bares e os puntos de encontro social, aínda que non era oriúndo do Concello de Poio, senón que residía neste núcleo do municipio poiense desde hai algúns anos.