sábado. 22.02.2020 |
El tiempo
sábado. 22.02.2020
El tiempo

As acusacións rebaixan a súa petición de penas para o acusado do crime de Ana Enjamio

César Adrio, es conducido a los juzgados.SALVADOR SAS (Efe)
César Adrio, es conducido a los juzgados.SALVADOR SAS (Efe)
A defensa mantén a inocencia de César Adrio e a súa petición de libre absolución 

As acusacións particular (que representa á familia) e a popular (exercida pola Xunta de Galicia) acudidas na causa do crime de Ana Enjamio modificaron as súas conclusións e rebaixaron as súas peticións de pena para César Adrio, único acusado por estes feitos, e que está a ser xulgado, por un tribunal de xurado, na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

Tras a práctica da proba (para a xornada deste martes quedaba pendente unicamente unha pericial de criminalística sobre a análise da roupa da vítima), as partes interviñeron para referirse ás súas conclusións e, no seu caso, modificalas. 
Así, mentres que a Fiscal ratificouse nas súas acusacións (polos delitos de asasinato e acoso) e na petición 27 anos de prisión, tanto a acusación particular como o avogado da familia da vítima introduciron modificacións.

No caso da letrada da Xunta, adheriuse ao escrito de acusación do ministerio público e á súa petición de penas, e decidiu non acusar formalmente polo delito de vulneración da intimidade por entender que as imaxes íntimas supostamente divulgadas polo acusado non se apreciaban nítidamente. Ademais, esa circunstancia de vulneración da intimidade quedaría reflectida no delito de acoso ou fustrigación, polo que si acusa.

Mentres, a acusación particular tamén modificou as súas conclusións, e retirou os dous delitos leves de furto, así como o alternativo de homicidio, en aras de facilitar "o traballo dos xurados". Deste xeito, a familia de Ana Enjamio acusa a César Adrio dos delitos de asasinato, acoso e vulneración da intimidade, e pide penas que suman 32 anos de prisión (fronte aos 39 anos que solicitaba inicialmente).

Pola súa banda, a defensa ratificouse nas súas conclusións provisionais, que eleva a definitivas, e mantivo a inocencia do acusado, para o que pide a libre absolución.

ÚLTIMA PERICIAL 

Este martes practicouse a última proba deste xuízo, a comparecencia por videoconferencia dun perito criminalística, encargada da análise da roupa que vestía Ana Enjamio cando foi asasinada, na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016. 

Este perito relatou que a chaqueta da nova enxeñeira presentaba dous cortes no puño da manga dereita, así como 24 cortes na zona superior esquerda do vestido (que, polo seu patrón, indican "movementos repetitivos nun intervalo curto de tempo") e "numerosos cortes" no sujetador.

Segundo sinalou, a forma dos cortes suxire que se empregou un coitelo ou arma branca similar, de folla monocortante e dunha anchura duns 2 centímetros (as mesmas características apuntadas polas forenses que declararon acerca das lesións no corpo da vítima).

PETICIÓNS DA DEFENSA

Tras a práctica da proba, a defensa solicitou poder incorporar unha selección de conversacións entre o acusado e a vítima (que xa están no procedemento, xunto con outras conversacións e probas que ocupan miles de folios), e que "se expurguen" outros documentos e testemuños que, na súa opinión, non deben ser trasladadas ao tribunal de xurado. 

As acusacións opuxéronse a estas peticións, ao entender que as conversacións que deben valorar os membros do xurado son as que, de forma "máis obxectiva", seleccionou a Policía, e non a defensa de César Adrio.

O maxistrado rexeitou esas peticións e sinalou que o xurado poderá valorar toda a proba (fóra de testemuños que non se refiren aos feitos concretos axuizados e que serán "tachados" da documentación), e xustificou a súa decisión porque a pretensión da defensa "pode predeterminar o traballo" do tribunal popular.

DELIBERACIÓN DO XURADO 

Este mércores celebrarase, a partir das 9.45 horas, a última xornada desta vista, na que as partes presentarán ao xurado os seus informes finais e na que se dará ao acusado a quenda da última palabra. 

Segundo avanzou o propio maxistrado, está previsto que se entregue ao xurado o obxecto de veredicto o mércores pola tarde e, a partir dese momento, o tribunal popular (formado por 4 mulleres e 5 homes) quedará illado para realizar a súa deliberación sobre os feitos que se sometan á súa consideración. 

Aínda que o xuíz non lles retirará os teléfonos móbiles ("porque todos temos familia coa que temos que comunicarnos"), advertiu aos membros do xurado de que non poden comentar con ninguén alleo o contido do que van discutir ou a información de que dispoñen. En caso contrario, apuntou, "tomaranse medidas máis drásticas". 

As acusacións rebaixan a súa petición de penas para o acusado do...
Comentarios