Un acusado de matar á súa muller na Coruña deulle pastillas "para que non sufrise"

Os axentes afirman que o home estaba "tranquilo" e que recoñeceu que quixera suicidarse pero que non se atreveu"
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera O acusado, durante o xuízo. EFE

Os policías que acudiron ao domicilio do acusado de degolar á súa muller en 2018 na Coruña afirman o home confesou que lle deu "bastantes pastillas, unha mestura de medicamentos" para que a muller "non sufrise".

Así o apuntaron estes axentes na terceira sesión do xuízo na Audiencia Provincial, despois de que o procesado negase na súa declaración ante o xurado popular que a muller estivese durmida ou sedada e afirmase que se atopaba "serena".

Un dos axentes do 091 relatou, a preguntas do fiscal, que, ao chegar ao piso, o home estaba sentado sobre a cama onde xacía a vítima sobre unha lona "cun corte profundo no pescozo", que había un coitelo "de grandes dimensións" ao seu lado e que viron "abundante sangue". Apuntou como o home tiña "unha actitude tranquila e normal, non estaba nervioso".

"Díxonos que quería suicidarse, pero que non se atreveu", engadiu o policía, que destacou que o procesado non tiña "ningunha lesión visible". Tanto os policías que o detiveron como un dos que o trasladaron ao hospital negaron ante o xurado popular que manifestase signos de embriaguez.

O Ministerio Público solicita 25 anos de cárcere para o procesado e a acusación particular e a da Xunta, prisión permanente revisable. Pola súa banda, a defensa alega que os feitos constitúen un suicidio asistido, polo que pide unha pena de entre seis e dez anos.

Axentes da policía científica resaltaron que a casa e a habitación estaban "perfectamente ordenadas e limpas" e que, no chan, á beira da vítima, había "un charco de sangue" e algunha salpicadura no resto da estancia. "Non fora unha improvisación", engadiu un dos policías, que resaltou que o coitelo non estaba "moi manchado" de sangue.

Enfermidade terminal

Unha axente da Unidade Familia e Muller da Policía Nacional, que falou cos familiares de ambos pouco logo da morte, relatou como todos coincidían en que ambos dixeran que tiñan cancro terminal e que a vítima dicía que quería "acabar coa súa vida". Tamén confirmou que no historial médico achegado pola o Sergas non constaba dita enfermidade.

Outra policía comentou que creu que na morte da vítima "non houbera forcejeo" polo estado no que estaba o plástico sobre o que se atopaba. "Non recordo que houbese demasiada sangue", explicou, apuntando que si que había debaixo da muller, pero non nas paredes ou noutras partes da habitación.

Unha médica que atendeu á vítima no hospital sete días antes da súa morte por un intento de suicidio confirmou que, tras sufrir nove cortes, algúns deles profundos, "a forza diminúe" nos brazos afectados.

En cambio, outro médico que tamén prestou asistencia á muller afirmou que as lesións lle permitirían "flexionar o brazo". O acusado asegurou na súa declaración ante o xurado popular que a muller tiña as súas mans sobre as del cando lle cortou a yugular.

Comentarios