Beatriz deixa en Viveiro ventos de ata 146 kilómetros por hora

O temporal deixa case 150 incidencias, a maioría na Coruña

Os bombeiros de Santiago retiran unha árbore que caeu sobre varios coches no Campus Sur. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Os bombeiros de Santiago retiran unha árbore que caeu sobre varios coches no Campus Sur. XOÁN REY (EFE)

O temporal de vento e choiva que mantén a boa parte de Galicia en alerta laranxa deixou este martes ventos por encima dos 100 quilómetros por hora en distintas localidades galegas e choivas que rozaron (e superaron nalgún caso) os 100 litros por metro cadrado. 

En canto ao vento, o refacho máis forte rexistrouse na estación de Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), onde se mediron 145,9 quilómetros por hora. Na veciña Cedeira, neste caso na Coruña, os ventos superaron os 132 quilómetros por hora. 

Así, os ventos fortes foron unha constante na tarde deste martes. Por exemplo, na provincia da Coruña –a máis afectada– chegouse aos 120 quilómetros por hora en Vimianzo, aos 109,7 en Lira e aos 111 en Lousame. 

En Santa Comba superáronse tamén os ventos de 100 quilómetros por hora, así como en Cariño, onde Meteogalicia rexistrou refachos de 105. 

Pola súa banda, na provincia de Pontevedra, Cabo Udra rexistrou os refachos máis fortes, con 119 quilómetros por hora, mentres que, en Lugo, Burela rozou os 117 quilómetros por hora e, xa no interior, A Pontenova alcanzou os 114. En interior ourensán tamén rexistrou ventos fortes en zonas altas, como en Carballeda de Valdeorras, onde os sensores detectaron ventos de case 120 quilómetros por hora. 

CHOIVAS. No capítulo das choivas, foron especialmente intensas no litoral da Costa da Morte e a contorna de Santiago de Compostela. De feito, a estación de Santa Comba (A Coruña) rexistrou máis de 106 litros por metro cadrado e a veciña de Val do Dubra preto de 97. 

Do mesmo xeito, en Lousame caeron máis de 98 litros por metro cadrado, en Zas preto de 96 litros e en Rois máis de 75 litros por metro cadrado. 

INCIDENCIAS. O temporal deixou case 146 incidencias en Galicia, moitas delas pola caída de árbores, pedras ou colectores sobre estradas e rúas de toda a comunidade.

Ata as 18.00 horas, o 112 rexistró 71 incidencias na Coruña, 39 en Pontevedra, 22 en Lugo e 13 en Ourense. A capital galega foi unha das localidades máis afectadas, con 10 avisos, entre os que se inclúe a caída dunha árbore sobre varios coches no campus sur. En Pontevedra destacan Vilagarcía de Arousa con 5 incidencias, A Estrada con 4 e Vigo con 3, mentres que en Lugo houbo 9 incidencias en Barreiros e 3 en Foz.

En Cambados, os servizos de emerxencias tiveron que intervir para retirar dúas árbores caídas sobre estradas en Cacabelos e Corvillón. 

Comentarios