Alerta laranxa por temporal costeiro en Lugo e na Coruña

Permanece amarrada parte da frota en portos como o de Ribadeo ou o de Celeiro

Temporal de mar en Burela. FELI GARCÍA
photo_camera Temporal de mar en Burela. FELI GARCÍA

A Dirección Xeral de Emerxencias activou a alerta laranxa por temporal costeiro, que comezará na tarde deste xoves e que afectará o litoral de Lugo e A Coruña.

Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 18.00 horas espérase vento do oeste ou noroeste de forza 8 no litoral de Lugo e no noroeste do litoral da Coruña. 

Con estes datos, Emerxencias lembrou á poboación a importancia de seguir as medidas de protección, como evitar aproximarse a diques ou rompentes, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos, así como vixiar a caída de obxectos desde balcóns ou xanelas. 

FROTA AMARRADA. Como consecuencia do temporal no mar, parte da frota galega permanece este xoves amarrada a porto. Así o confirmaron a Europa  Press fontes de distintas confrarías.

No caso de Lugo, tamén permanece amarrada parte da frota en portos como o de Ribadeo ou o de Celeiro. 

En concreto, na Coruña, permanece amarrada parte da frota de localidades como Cariño ou Muxía, mentres que en Corcubión saíu a faenar unicamente un barco. Noutras, como as de Cedeira ou Laxe, trabállase con normalidade. 

En Pontevedra, faenan embarcacións como as de Baiona ou Moaña, onde os barcos son de baixura. En Bueu, pola súa banda, a metade está amarrada a porto por mal tempo e en Cangas só saíron os traballadores do percebe e da navalla. 

En Cambados, as malas condicións do mar mantiveron a toda a frota amarrada á primeira hora, aínda que co avance do día mellorou e algúns saíron ao mar, apuntan desde a confraría.

Comentarios