Almuiña pide a Illa eliminar a taxa de reposición

O conselleiro de Sanidade propón ao ministro un encontro persoal co propósito de mellorar a "sanidade española"
Jesús Vázquez Almuíña. EP
photo_camera Jesús Vázquez Almuíña. EP

O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, trasladará ao ministro Salvador Illa, a "necesidade" de eliminar a taxa de reposición como unha das "actuacións prioritarias" para "afrontar a carencia de especialistas" no Sistema Nacional de Saúde e "favorecer a estabilidade dos profesionais a través das ofertas públicas de emprego". 

Desta forma, Almuiña enviou unha carta ao titular nacional de Sanidade na que lle solicita un encontro persoal e ofrécelle a "máxima disposición" para traballar pola "mellora da sanidade española" e a "sustentabilidade" do sistema nacional de saúde, segundo informou nun comunicado o departamento galego competente.

Ademais, o conselleiro pide abordar outros temas como o futuro do sistema común de formación sanitaria especializada (MIR) ou os problemas de subministración de medicamentos en España para o que Sanidade "leva solicitando desde hai meses medidas ao Ministerio".

Así mesmo, Almuiña "reiterará a importancia" de convocar o Consello sobre financiamento sanitario que, segundo afirma a consellería, "é un compromiso inaprazable adquirido polo Ministerio de Sanidade, que quedou pendente de realización".

Comentarios