martes. 29.09.2020 |
El tiempo
martes. 29.09.2020
El tiempo

Ana Pontón, ante o 5-A: "Non imos a medio gas. Imos a todo filispín"

Pontón xunto a Bará, Prado e Fernández en Vigo. BNG
Pontón xunto a Bará, Prado e Fernández en Vigo. BNG
A portavoz nacionalista presentou en Vigo a candidatura que encabeza Luís Bará, seguido de Montse Prado e Alexandra Fernández

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas do próximo 5 de abril, Ana Pontón, asegurou este venres en Vigo que na súa organización política non van a "medio gas" e si "a todo filispín".

No acto celebrado nesa cidade, no cal presentou a candidatura que encabeza Luís Bará, seguido nos postos de saída de Montse Prado e da exdeputada de En Marea Alexandra Fernández, describiu desta maneira o momento no que se atopan para "abrir un tempo novo" en Galicia.

Aplaudiu a lista, a cal cualificou de reversible, porque dá igual que se lle deu a volta, ao estar chea de "persoas capaces, comprometidas con Galicia e coas mans libres", as idóneas para "deixar atrás unha década gris".

O cambio galego, engadiu Pontón en declaracións á prensa, implicaría situar á fronte do goberno a unha muller feminista, nacionalista, algo que encarna o Bloque, proseguiu, e deixar atrás as "maiorías absolutistas" e tamén o "sucursalismo".

De Vigo, incidiu na necesidade de pór en marcha todo o potencial que ten, como motor industrial e tecnolóxico que é e como cidade loitadora, emprendedora e dinámica, enumerou.

"Recuperar pulso e impulso e o papel protagonista que nunca debeu perder" é a idea, resumiu, para a continuación explicar algunhas cuestións programáticas tales como un peso importante do sector público para recuperar o naval, un centro de reparacións na ría e un plan para frear as deslocalizacións na automoción.

Tamén a potenciación do seu porto, unha aposta clara polo comercio local e de proximidade e outra pola sanidade, cun hospital Álvaro Cunqueiro 100% público e a recuperación da atención primaria na "zona cero das privatizacións e os recortes" na que houbo unha gran contestación social, dixo.

Por último, detívose Ana Pontón nas loitas partidistas e subliñou que "a confrontación estéril resta", mentres que unha cooperación leal si resulta útil para avanzar. 

Ana Pontón, ante o 5-A: "Non imos a medio gas. Imos a todo filispín"
Comentarios