Pontón quere levar o modelo dos "municipios BNG" ao ámbito galego

Fernández Lores mostra a súa "ilusión" por contar cun Goberno na Xunta "que axude a ter concellos do século XXI" 
Pontón e Lores, este sábado nun acto en Santiago. BNG
photo_camera Pontón e Lores, este sábado nun acto en Santiago. BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou a súa intención de, se alcanza o goberno da Xunta, levar ao Executivo autonómico o "modelo urbano" dos concellos gobernados polo BNG "que son unha referencia a nivel internacional" por conseguir situar "ás persoas no centro" das políticas de mobilidade e ordenación. 

Así o dixo a líder frontista e candidata á Presidencia da Xunta durante a súa intervención ante os medios este sábado, xornada na que estivo arroupada en Santiago por alcaldes e representantes locais do Bloque. 

En nome deles interveu o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, quen mostrou a súa "ilusión" pola oportunidade de "dar un salto cara a adiante conseguindo que Ana Pontón sexa presidenta da Xunta" e, desde alí, "axude a construír uns concellos do século XXI que fagan que este país teña futuro". 

Tras enxalzar o traballo realizado polos concellos gobernados polo BNG que "reciben recoñecementos internacionais" por situar ás persoas "no centro" das políticas públicas, Pontón sinalou que unha das propostas incluídas no programa do BNG para as eleccións do 12 de xullo é a posta en marcha de "unha axenda urbana galega" que traslade ao ámbito autonómico "esa concepción de que o espazo urbano é un dereito". 

Todo iso, ademais de para "devolver" os espazos á cidadanía, como vía para "loitar contra o cambio climático" con medidas como o acougado do tráfico e a peonalización de áreas urbanas, a redución de emisións, a "autoxeración" de enerxía ou o "tratamento ecolóxico" e "racional" dos residuos urbanos e a auga. 

Pontón subliñou que a crise do Covid-19 puxo de manifesto a necesidade de contar con espazos "amplos e seguros" para a cidadanía, ademais de facer evidente que a "perda de biodiversidade" fai á sociedade "máis fráxil", polo que considera que ambas as realidades deben obrigar ás administracións "a ser conscientes de que é necesario coidar o medio natural e que as persoas estean situadas no centro". 

Algo que, segundo a líder nacionalista, o Bloque "leva anos" pondo en práctica desde concellos como Pontevedra, Carballo, Allariz ou Tomiño, que lograron "premios internacionais" polas súas políticas que, ante a cita electoral do 12 de xullo, apelou a trasladar á Xunta empregando a "experiencia" solicitada a nivel local. 

"Temos que confiar nas potencialidades de Galicia. Somos un país rico e queremos unha Galicia con cores vivas. Os galegos e galegas poden estar tranquilas porque temos exemplos de bo goberno no país e podemos afrontar o desafío de converter a Galicia nun referente internacional nos próximos anos", aseverou Pontón.

FERNÁNDEZ LORES. Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra enxalzou a figura de Ana Pontón, de quen destacou que posúe "unha grandísima capacidade política acumulada" para converterse en presidenta da Xunta e, desde a administración autonómica, "modernizar Galicia e os concellos". 

"As alcaldías do BNG demostraron que son capaces de facer políticas transformadoras, moitas veces sen o apoio da Xunta, mesmo ás veces pondo paus na roda", sentenciou Lores, que subliñou a "ampla experiencia acumulado" e "o amor ao país e a confianza no futuro" como valores para que o BNG chegue á Xunta após as eleccións autonómicas. 

Comentarios