Sábado. 26.05.2018 |
El tiempo
Sábado. 26.05.2018
El tiempo

Ángeles Vázquez: "Imos aumentar os pastos nos montes en 200.000 hectáreas; non hai mellor cortalumes que o gando"

Ángeles Vázquez. PEPE FERRÍN
Ángeles Vázquez. PEPE FERRÍN

Sufriu a vaga de lumes de 2006 como alcaldesa e a do pasado mes á fronte da consellería, unha dobre perspectiva que axuda á hora de deseñar novas medidas contra os incendios e o futuro Plan Forestal

Un mes despois da tráxica vaga de lumes da ponte do Pilar, arrepíntese dalgunha decisión tomada?

Penso que humanamente fixemos todo o que estaba nas nosas mans e administrativamente actuamos con prudencia e antelación. Oxalá puidésemos ter feito máis, pero entendo que era material e humanamente imposible.

Foi o peor momento que viviu como conselleira?

Por suposto. E o peor da miña vida a nivel profesional.

E pensou en dimitir?

En ningún momento me pasou pola cabeza. Ante un problema o fácil é fuxir e o difícil é intentar atallalo. Hai que ser valente e agardo que no que queda de lexislatura avancemos o máximo posible en distintos campos cun obxectivo: que Galicia ano tras ano non sexa noticia polos incendios. Pero é moi complicado porque dependo de algo que non está nas miñas mans, que son as mans daqueles que prenden lumes.

Esta semana activouse a comisión parlamentaria de estudo dos lumes. Que agarda dela?

Cordura, coherencia, moito traballo e o mesmo que espera a sociedade: que sexamos quen dunha vez por todas de poñernos de acordo en algo fundamental como é o uso forestal, que é o 68% do noso territorio, e que os incendios se vexan dunha vez como o que son, un problema de orde pública.

Debe a comisión afondar no ocorrido en outubro ou centrarse só nas medidas para o futuro?

A comisión será unha análise da evolución de todo o ocorrido no eido forestal desde a onda de lumes de 2006. Polo tanto, será unha análise do acontecido, pero sobre todo debe centrarse no presente.

Xa que fala de 2006, moitas das receitas que deu a comisión parlamentaria activada naquel momento son as que hoxe propón aplicar a Xunta. Perdemos dez anos?

Eu entón era alcaldesa, non conselleira, polo que descoñezo o que se fixo naquela comisión. O que si teño claro é o que imos facer nesta: ser útiles á sociedade.

Sentará a comisión as bases para un grande acordo de país?

É fundamental que os distintos grupos nos sentemos a falar, porque no fondo estamos de acordo en moitos puntos do que temos que facer; distinto serán as formas e o resultado, pero perseguimos un fin común que é evitar os lumes en Galicia, acabar cos incendiarios e ter montes máis produtivos.

Non cre que mentres o lume se politice se perderá a batalla contra el?

Por suposto; e quen perde ao final é a sociedade.

A Xunta avanzou 30 medidas contra os incendios e parte delas xa se activarán o 1 de xaneiro a través da lei de acompañamento.

O obxectivo de metelas nesa lei é axilizalas ao máximo. Por unha banda deseñamos novas normas e pola outra clarificamos conceptos doutras xa existentes que moitas veces non chegaban a bo fin. Hai moitas medidas de calado e incluso arriscadas, pero debe ser así.

Por exemplo?

En toda Galicia prohíbese plantar piñeiro, eucalipto e acacia nas franxas secundarias e adiantamos a obriga de xestionar a biomasa ao 30 de maio, porque co 30 de xuño íamos algo xustos, sobre todo nestas primaveras cálidas. Tamén poderemos actuar de xeito subsidiario, tanto a consellería como os concellos, de forma que cando un alcalde determine que hai risco poderá entrar e limpar un terreo sen agardar autorización xudicial. Afondaremos no problema das parcelas de propietario descoñecido, unhas 300.000 en Galicia, que se poderán expropiar cando a administración se vexa obrigada a desbrozalas de forma reiterada. Tamén introducimos cuestións que parecen lóxicas pero que non se recollían na normativa, como repercutir os gastos de extinción dun lume sobre aquel propietario que non limpe a biomasa. A estas hai que engadirlles outras como mandar ao Banco de Terras os montes veciñais abandonados.

Se xa tiñamos normas nesa liña, como por exemplo a das distancias, entón por que seguimos vendo eucaliptos nas cunetas?

Si existía normativa, pero nin tiña a claridade que lle imos dar nin era tan áxil; e, ademais, agora aprendemos a lección: a seguridade é fundamental e necesítase a colaboración de todos. O propietario ten obrigas que debe cumprir e as distintas administracións temos que facer cumprilas. Este ano xa aumentaron moito os expedientes abertos por vulnerar a lei, máis de 4.000, pero aínda así non é suficiente. Por iso outra das propostas pasa por crear grupos de tres ou catro persoas que actuarán en cada distrito forestal para vixiar que se cumpra a normativa.

En España só aprendemos se nos tocan o peto. Contemplan tamén incrementar as sancións?

Hoxe xa están tipificadas sancións, aínda que sabemos que moitas delas non chegaban ao seu fin. Pero agora o propietario debe saber que cando lle chegue unha multa, esta vai ser executada.

Activarán grupos de investigación, cámaras de videovixilancia no monte e un rexistro de incendios. Pero hai demasiado territorio...

Temos moito monte, porque son dous millóns de hectáreas das tres que ten Galicia de superficie e o 68% delas cun uso forestal. Por iso faremos plans de ordenación en cada distrito forestal; serán moi amplos, ambiciosos e custosos, pero todo o territorio quedará ordenado como cando facemos un PXOM urbanístico. Iso si, isto lévanos a unha reflexión: levamos moitos anos facendo PXOMs e aínda non rematamos, así que co monte non imos empezar e acabar xa. Comezaremos por Pontevedra e Ourense con fortaleza, conscientes de que non hai especies boas nin malas, que non debemos ter monocultivo, que hai que plantar cada cousa onde lle corresponde e que as franxas de seguridade hai que respectalas si ou si.

Todo iso é o que se recollerá no novo Plan Forestal. Como vai?

O borrador está feito e agora temos que escoitar primeiro o Consello Forestal, ao que convocaremos esta semana; e logo tamén aos grupos políticos na comisión do Parlamento. Todo co obxectivo de facer a foto do monte que queremos de aquí a 20 ou 25 anos. As cousas cambiaron moito no último cuarto de século, no que medrou moito a industria madeireira, pero temos que ser capaces de facer compatible ese uso forestal co agrario. O Plan Forestal contempla medidas fortes como incrementar en 200.000 hectáreas os pastos nos montes. Son fundamentais porque son economía, manteñen a biodiversidade e son un verdadeiro cortalumes. Non hai mellor cortalumes que o gando nas serras e montes e que o gandeiro estea a carón del.

Se un monte dá cartos non arde, como na Mariña. Como se logra?

A Mariña e a zona de Ortegal son bos exemplos. Alí hai asociacións forestais fortes, saben o que queren, hai plantacións ordenadas, optan pola calidade da madeira certificada, pola sanidade vexetal e eles mesmos vixían os lumes.

Con todas estas medidas anunciadas poden deterse máis incendiarios, pero logo quedan libres. Cre que prender lume sae barato?

Hoxe por hoxe queimar o monte sae moi barato. Por iso dentro das nosas medidas unha fundamental é repercutir o custo de extinción en quen prende. O que non pode pasar é que un incendiario saia da cadea en pleno verán e ande por aí sen dispositivos de localización. Temos moito que avanzar nese eido, pero aí xa son outros os especialistas que deben traballar.

Comparte a reflexión do presidente de xulgalos como terroristas?

Por suposto.

Pero non é o mesmo un octoxenario a quen lle escapa unha queima que un brigadista que prende.

Non. Todo o mundo entende un lume polo accidente de escapar unha queima, dun coche que arde e prende no monte ou por causas naturais como un raio. Pero se queimamos rastroxos en agosto, cando está prohibido e zoa o vento, penso que ese caso debe ser tratado como o de quen prende lume ás catro da madrugada.

Cre que hai unha trama organizada detrás dos lumes de outubro?

Creo que os incendios non son casualidade e que o lume non emana do chan. Unha reflexión: en Vigo arderon a fin de semana pasada cinco turismos, pero se arderan 264, de que estaríamos a falar? Non teño datos nin hai detidos para falar de trama, pero todo o mundo na rúa sabe que eses incendios non foron casualidade.

E cre na teoría de que existe un negocio arredor do lume en Galicia?

Por máis voltas que lle dou creo que non e ninguén me deu nunca un argumento para crelo.

Dise que é porque hai moitos cartos en xogo. Medio Rural terá 180 millóns para lumes en 2018 e critican que a maioría será para extinción e non para prevención.

Iso é un mito que non ten argumentos. Nese paquete van incluidas por exemplo as brigadas municipais, ás que destinamos 11 millóns; pero esas brigadas fan prevención, non só extinción. En realidade tres de cada catro euros van ao eido da prevención.

Agora que cita as brigadas, que fará a Xunta se algún concello segue empeñado en rexeitalas?

Os concellos poden ter brigadas municipais, asinar un convenio para cobrar 130 euros por hectárea para facer desbroces ou conveniar con Medio Rural a motobomba para cubrir con ela máis territorio. Houbo concellos que optaron polas tres opcións e outros non quixeron ningunha. Eu fun alcaldesa e non o entendo! Se podía ter tres brigadas non tiña unha, se podía desbrozar 300 hectáreas non limpaba 100 e se podía conveniar a motobomba facíao porque hai algo que se chama solidariedade. Isto non pode quedar en mans do quero ou non quero; aquí o importante é cubrir todo o territorio.

O director xeral Tomás Fernández-Couto está moi custionado tras a vaga de lumes. Cre que é o indicado para activar as novas medidas?

É unha persoa cunha experiencia avalada por moitos logros ao longo deste tempo e non podemos manchala por unha vaga de lumes nun momento determinado. Nestes anos diminuíron os lumes e as hectáreas queimadas considerablemente, producimos máis madeira e aumentou o emprego en plena crise. Ademais, aplicar as medidas non se centraliza nunha persoa: un director ten subdirectores, responsables de distritos...

"Hoxe vexo moi difícil acabar coa velutina; temos que convivir"

Que lle preocupa máis hoxe: a seca ou os lumes?

As dúas cousas. A seca preocúpame e por iso habilitamos a orde de axudas por un millón de euros para novas captacións, pozos, balsas de auga... que non descartamos ampliar. A partir de aquí haberá que valorar se é un ciclo ou se haberá que tomar medidas ante o cambio climático. Non hai que esquecer que este ano non foi nada fácil porque nos tocou de todo: xeada, pedrazo, seca e lumes. O único que dá fortaleza para seguir traballando e loitando e ver a xente do rural, que se levanta rapidamente e se pon a traballar. E no caso dos lumes agora preocúpame sobre todo a rexeneración, aínda que os especialistas dan boas novas porque como houbo moito vento, parece que a afectación sobre a terra foi menor.

Ese cambio climático, que parece que chega para quedar, encarecerá o dispositivo de extinción?

O triste é que teñamos que ligar bo tempo a incendios en Galicia; iso é algo que hai que erradicar xa! Dito isto, o custo xa aumentou moitísimo este ano, porque mantivemos o operativo ata o pasado día 12. Pero non significa que agora quedemos sen nada; Galicia ao longo do ano ten 2.900 efectivos, motobombas e algún helicóptero. Hoxe está suficientemente cuberta para facer fronte a uns lumes que eu agardo que non haxa, porque non terían razón de ser.

Acaba de producirse a segunda morte por ataque de velutina en Galicia. Preocupa esta praga?

A velutina veu para quedar, como ocorreu en moitos países. Medio Rural retirou este ano 19.200 niños e o ano pasado, 11.000; repartimos 445 equipos de protección ,115 pértegas, 10.800 trampas... Pero imos ser quen de acabar coa velutina? Hoxe por hoxe non e teño as miñas dúbidas de que o logremos.

Logo só queda convivir con ela.

Si. Temos que seguir co control dos niños e dispor axudas para amortiguar os danos que crea a velutina. Nestes dous últimos anos aumentamos os orzamentos para ese fin nun 32%. E a partir de aí, sobre os posibles ataques, unha mensaxe: a picadura da velutina non é peor que a de calquera abella ou véspora.

Velutina, couza da pataca, avispilla do castiñeiro... Como facer fronte a tantos colonizadores?

A saúde das persoas é o fundamental, pero tamén temos que empezar a pensar na saúde animal e vexetal e en Medio Rural o incremento dos orzamentos neste campo é brutal. As pragas avanzan froito da globalización, polo que eu sempre esixo maiores controis. É un tema que nos ten que facer pensar.

Vén de subir o prezo do leite. Hai por fin estabilidade no sector?

Hai estabilidade como demostra o incremento de produción dun 14% nos últimos dous anos e o aumento de prezos, aínda que sempre nos pareza pouco e queiramos máis. Ademais, as explotacións galegas producen o leite con máis graxa de España, o que é bo para facer derivados; hai relevo xeracional, con 500 mozos que se incorporarán este ano ao rural; hai novas industrias que ven un atractivo en Galicia noutras que se amplían; e aparecen novas marcas. Temos que seguir traballando.

Cada vez temos máis selos de calidade, IXPs e denominacións de orixe. Ese é o camiño a seguir ou hai risco de saturar o mercado?

Agora mesmo non hai risco de saturación e de feito estamos traballando en novos campos: a IXP Pan de Galicia, Capón de Vilalba, Vaca e Boi de Galicia... O fundamental é que non saian marcas pequeniñas en cada sitio senón que saiamos ao mercado fortalecidos. É o que pretendemos por exemplo con Horta de Galicia, porque non ten sentido con producións tan pequenas falar de Horta de Laracha ou Horta de Mondoñedo.

Ángeles Vázquez: "Imos aumentar os pastos nos montes en 200.000...