Tres anos de cárcere para un home que intentou bicar a unha muller e unha nena na Arribada

Aplícanlle a atenuante de estado de embriaguez

A Fiscalía rebaixou a petición de penas –de 7,5 a 3 anos de prisión– para un acusado de dous delitos de abusos sexuais, tras celebrarse unha vista de conformidade, na Sección Quinta da Audiencia de Pontevedra (con sede en Vigo), na que o procesado admitiu os delitos e na que se tivo en conta a circunstancia atenuante de intoxicación etílica. 

Os feitos remóntanse a marzo do 2018 cando o acusado, R.A., que ten antecedentes por abusos sexuais, achegouse a unha muller, agarrouna fortemente pola cintura, e suxeitoulle a cara, á vez que se achegaba para bicala. A muller resistiuse e logrou zafarse, axudada por varias persoas que a acompañaban. 

Horas máis tarde, tamén durante a celebración da Arribada, o acusado achegouse a unha nena de catro anos que se atopaba cos seus pais nun local de Baiona, agarrouna polos ombreiros desde atrás e achegouse á súa cara coa intención de bicala na boca, "asustando gravemente" á nena, ante o que tiveron que intervir os proxenitores para afastalo.

ACORDO. Este mércores alcanzouse un acordo coa acusación pública, que aceptou aplicar a atenuante de intoxicación, porque a ebriedad do acusado minguaba lixeiramente as súas facultades, e que tamén ten en conta a circunstancia agravante de reincidencia. 

Así, tras admitir os feitos o acusado, o tribunal ditou sentenza e condenou a R.A. a un ano de cárcere e un ano de liberdade vixiada polo primeiro delito; e a dous anos de cárcere e cinco anos de liberdade vixiada polo segundo delito. 

Ademais, a Audiencia impuxo ao procesado a obrigación de realizar programas de reeducación sexual, así como o pago dunha indemnización de 500 euros a cada unha das vítimas.