sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Anova avisa de que abandonar "a unidade" de 2015 sería unha "alegría" para o PP

Antón Sánchez e Beiras. LAVANDEIRA JR
Antón Sánchez e Beiras. LAVANDEIRA JR

Antón Sánchez: "Se somos capaces de volver funcionar con ese espírito, o PP pode estar moi preocupado" 
 

Anova-Irmandade Nacionalista celebra este sábado en Teo (A Coruña) unha conferencia política que servirá para "redobrar" a súa aposta pola unidade popular e as mareas municipalistas coa vista posta nas eleccións locais do próximo ano; cando, segundo declarou o seu portavoz nacional, Antón Sánchez, a esquerda rupturista debe recuperar "a xenerosidade, o diálogo e a comprensión" que serviu para irromper na política local en 2015. 

"A mellor alegría que lle podemos dar ao PP é que non funcionásemos con esta xenerosidade e unidade. Se somos capaces de volver funcionar con ese espírito de 2015, o PP pode estar moi preocupado porque pode sufrir outra severa derrota", aseverou Sánchez en declaracións aos medios no arranque da xornada que se celebra na localidade das aforas da capital galega. 

Alí, a formación nacionalista culmina un proceso que levou aos seus líderes a manter encontros coa militancia e a cidadanía por diferentes puntos da xeografía galega para solicitar propostas e analizar un contexto social e político que ven marcado pola "deriva autoritaria" do Estado español coa súa actuación na crise catalá e "o intento de consolidar o modelo da precaridade, a explotación e a falta de esperanza para a xente". 

Para Sánchez, as eleccións locais previstas para o próximo ano poden marcar un punto de inflexión á hora de "abrir un novo ciclo de cambio político para derrotar ao PP" que, ao seu xuízo, "empobrece a un país menguante polas súas políticas". 


"Queremos outra primavera como a de 2015", incidiu o líder de Anova e viceportavoz parlamentario de En Marea, que remarcou que a formación nacionalista "redobra" a súa aposta polas mareas municipalistas para unhas eleccións locais nas que fixa como obxectivos "consolidar os gobernos do cambio" e "desbancar ao PP de moitos concellos". 

BEIRAS. A Conferencia Política que celebra Anova este sábado en Teo será clausurada polo propio Antón Sánchez xunto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira en Lalín, Lara Fernández, que, tamén en declaracións aos medios pola mañá, indicou que a formación nacionalista "non pode deixar escapar a oportunidade de loitar pola unidade popular". 

Na xornada matutina están a ter lugar mesas de traballo para a elaboración dun documento político que será debatido pola tarde. Será entón cando interveña o histórico dirixente do nacionalismo galego e referente de Anova, Xosé Manuel Beiras, que nos últimos tempos mostrouse crítico co rumbo tomado pola esquerda rupturista. 
 

Anova avisa de que abandonar "a unidade" de 2015 sería unha...
Comentarios