Martes. 17.07.2018 |
El tiempo
Martes. 17.07.2018
El tiempo

Anova, EU e Ferrol en Común avalan a vía de CA para reflotar En Marea

Paula Quinteiro y Luís Villares. EFE
Paula Quinteiro y Luís Villares. EFE

A dirección agradece o "diálogo" proposto, pero reitera o seu rexeitamento a unha mesa de confluencia

A proposta de Compostela Aberta (CA) para renovar os órganos de dirección de En Marea comeza a calar entre as distintas sensibilidades que conforman o espazo rupturista galego. Este venres foron ata tres os líderes políticos que aseguraron ver con bos ollos unha medida que suporía un adianto a setembro das eleccións internas, tendo en conta que as voces disonantes levaban meses xerando no espazo de confluencia un ruído que moitos estiman insoportable.

O primeiro en manifestarse foi o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, quen asegurou que ve "positiva" e "construtiva" a iniciativa, xa que busca "integrar as sensibilidades necesarias para ser a alternativa verdadeira ao PP". O partido nacionalista confirmará este sábado na reunión da súa coordinadora se recolle a pelota lanzada por CA para formar parte dunha "mesa de confluencia" na que estaría acompañado polos seus socios na primeira coalición -EU e Podemos- e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Para Sánchez, que xa mostrou anteriormente o seu descontento pola configuración dos órganos de dirección do partido instrumental e algunhas das súas decisións, é preciso "integrar as sensibilidades, que son necesarias para ser a alternativa verdadeira ao PP". Así, sinalou que, a nivel persoal, ve máis que "positivo" o movemento de CA, porque entende que parte "dunha vontade para construír ese suxeito de unidade popular, que ten que ser plural e diverso".

Pouco despois, a deputada de En Marea no Congreso pola Coruña, Yolanda Díaz, aseguraba nun acto na cidade herculina que a proposta de Martiño Noriega "é plural e inclusiva, e nela caben todos". A histórica dirixente de Esquerda Unida (EU) explicou que ve con "moito interese" unha iniciativa na que "temos que estar todos" e avogou por repensar "o futuro que vén", que "ten que ver con sumar, non con restar".

O último en dar por boa a postura de Compostela Aberta, e dunha maneira máis explícita, foi o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. Cuestionado polos medios sobre este asunto, o rexedor expresou o seu "total apoio" e incidiu no seu respaldo a "todos os puntos do escrito" aprobado pola asemblea da marea que goberna Santiago desde 2015. "Se estivese nesa asemblea, votaría a favor", apostilou.

Suárez considera que os problemas internos de En Marea "teñen que ter unha solución política, non unha solución orgánica mediática". Neste sentido, precisou que desde a súa formación secundarán "calquera iniciativa que teña como fin pacificar un espazo que ten demasiada convulsión".

A solución pasa, argumentou o líder de Ferrol en Común, por "sentar e dialogar" para "lograr un consenso" que acabe cunha crise que "está a facer perder a ilusión e moitos votos da xente". Así, encadrou a iniciativa de CA nun "movemento estratéxico por parte dun sector de En Marea" na consecución deste fin.

A DIRECCIÓN. A pesar de manifestar o xoves a través dun comunicado que a proposta dunha mesa de confluencia non lle parecía adecuada, a dirección de En Marea agradeceu este venres a vontade de "diálogo" da marea compostelá. Neste sentido, as portavoces Ana Seijas e Victoria Esteban apuntaron en rolda de prensa que esa interactuación entre as partes do universo rupturista debe darse a través da participación nos "órganos" cos que xa conta a organización. Polo momento, anunciaron que o Consello das Mareas avaliará a posibilidade de adiantar as eleccións internas nunha reunión aínda sen data, polo que previsiblemente posporase ata despois do verán.

O partido instrumental atravesa unha situación de división desde hai ano e medio, cando se celebraron as primeiras eleccións ao Consello das Mareas. Desde entón, son varios os episodios que acrecentaron as diferenzas internas, o último deles o apoio de varios membros da coordinadora ao nacemento de Marea de Ferrol, que moitas voces viron como unha traizón a Jorge Suárez. En referencia a isto, tanto Seijas como Esteban desmentiron este venres que a formación rupturista o apoiara oficialmente.

Anova, EU e Ferrol en Común avalan a vía de CA para reflotar En Marea