lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Anova impulsará un debate "sen estridencias" para iniciar a "refundación" do espazo rupturista 

Xosé Manuel Beiras durante la reunión de la coordinadora nacional de Anova, esta sábado en Santiago. LAVANDEIRA JR (EFE)
Xosé Manuel Beiras durante la reunión de la coordinadora nacional de Anova, esta sábado en Santiago. LAVANDEIRA JR (EFE)

O obxectivo será establecer un proceso "asembleario" e "aberto" para iniciar un "novo proceso" similar ao de 2012

A formación de Anova Irmandade Nacionalista realizará un "debate profundo", "acougado" e "sen estridencias" para iniciar un proceso de "refundación" e "relanzamento" do proxecto rupturista, despois dos "negativos" resultados obtidos nas últimas eleccións. 

Así se decidiu na reunión da Coordinadora Nacional de Anova, este sábado pola mañá en Teo (A Coruña), coa presenza do portavoz nacional Antón Sánchez e o fundador e histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras. 

O obxectivo será establecer un proceso "asembleario" e "aberto" para iniciar un "novo proceso" similar ao de 2012 "aprendendo dos erros", para establecer "un proxecto político adaptado ao novo contexto", declarou aos medios de comunicación Antón Sánchez. 

Con este fin, puntualizou que se desenvolverán asembleas territoriais xa desde a próxima semana e actos abertos á cidadanía, para celebrar, despois do verán, unha cuarta asemblea de Irmandade Nacionalista que definirá "o futuro" da formación. 

Antón Sánchez sinalou que é o momento de "facer autocrítica" e "reflexión", pero "unha autocrítica, calmada, non estridente que faga ver as cousas no seu punto", isto é, que "houbo un retroceso pero hai materia para proxectar no futuro" "outra vez", "un proxecto de ruptura que desafíe os poderes establecidos neste país". 

Pero ante a proximidade das próximas eleccións autonómicas de 2020, Sánchez precisou que a "reflexión non pode ser a golpe de convocatoria electoral", posto que "a reflexión ten que ser máis profunda para relanzar un proxecto político de ruptura". 

Para isto, sostén que "hai que partir dun debate moi aberto" non só en Anova senón no conxunto do "espazo" rupturista, "máis fondo que simplemente preparar unha alternativa electoral", posto que a "alternativa electoral" debería ter "uns cimentos" que permitan non repetir "os erros" dos debates "estériles" dos últimos meses. 

Preguntado polas críticas da deputada de En Común Unidas Podemos Yolanda Díaz ao ámbito de En Marea, Antón Sánchez reiterou que Anova quere "un debate reflexivo e sen estridencias" e instou a que "todo o mundo reflexione", porque "non se está en 2016 nin 2017". 

O portavoz de Anova deixou claro que os recentes períodos electorais demostraron que a "fragmentación do espazo en moitos lugares demostrou que pasou factura" e, ante isto, "hai que definir novas liñas políticas". 

Entre os motivos dos "negativos" resultados o pasado 26 de maio, no que as mareas perderon as alcaldías das cidades de Santiago, A Coruña e Ferrol, apuntou a distintas causas, algunhas delas, "externas". 

Por unha banda, atribuíu o "retroceso" á "crise no espazo de ruptura que provocou desgaste nas mareas municipalistas", ao aumento da "desafección" das mareas locais "co espazo nacional", pero tamén ao "intento de recomposición do réxime" e á "onda" que empuxou ao PSOE tras as xerais. 

Por outro, aínda que tamén situou como causas o "asedio mediático, político e dos distintos poderes" aos espazos rupturistas municipais, admitiu que houbo "erros propios da xestión local". 

Aínda así, puxo en valor o "orgullo" de Anova por apoiar a gobernos de unidade popular que foron "honestos e limpos" e que, a pesar dos resultados negativos, "aínda son un espazo moi significativo" en Galicia.

GRUPO PARLAMENTARIO. O debate sobre o futuro tamén se terá que realizar no seo do grupo parlamentario de En Marea, do que Antón Sánchez tamén forma parte como deputado. 

Ante isto, incidiu en que haberá que "tomar decisións no grupo parlamentario" porque, sostén, "nunca pode ser alleo á dinámica política exterior". 

Preguntado sobre a situación do grupo e a portavocía que ostenta o líder de En Marea, Luís Villares, asegurou que "é evidente que o panorama político sufriu un cambio". Aínda que non quixo pór datas, avanzou que se "abre un proceso de reflexión e toma de decisións en todos os ámbitos". 

Non concretou se se adoptarán decisións xa a próxima semana, pero expresou que "no grupo parlamentario" haberá "reunións, claro", porque se renovará a actividade e neste contexto "alí falarase".

TUIT DE BEIRAS. Sánchez tamén foi cuestionado pola polémica xerada polo tuit de Xosé Manuel Beiras, no que por mor dos resultados das eleccións municipales mencionaba a teoría de que a orixe terminolóxica de Santiago de Compostela se deriva dun "depósito de restos humanos en descomposición". 

Ante esto, manifestou que o seu "traballo non é interpretar" os tuits de Beiras aínda que quixo "aclarar" que a "intención non era en ningún momento unha falta de respecto á cidadanía de Santiago" porque as palabras se dirixían "a quen traballan para os poderes que quixeron acabar coas mareas". 

"O respecto de Beiras e todos nós á cidadanía de Compostela está por encima de todo", remarcou. 

Anova impulsará un debate "sen estridencias" para iniciar a...
Comentarios