martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Anxo Quintana: "Non milito no BNG e non teño ningunha intención de ir nas listas para as autonómicas"

Anxo Quintana. ARQUIVO
Anxo Quintana. ARQUIVO

O exlíder do BNG e exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana pasou este xoves por Lugo, para ofrecer unha conferencia no IES Lucus Augusti, organizada polo Ateneo Galeguista: Galiza: hoxe e mañá.

Que mensaxe trae a Lugo? 
Pois que os galegos temos un país con posibilidades, con recursos. É unha nación europea que cando menos ten as mesmas posibilidades que o resto de países da nosa contorna xeográfica e económica para xerarlles benestar aos seus cidadáns. Moitas veces o que nos falta é crer nas nosas posibilidades e pelexar para, dende nós mesmos, deseñar ese futuro de progreso e de liberdade. 

Din por aí que este é o momento, con eleccións á Xunta o 5 de abril. 
Estamos nun momento moi importante porque é evidente que no Estado español imos cara á configuración dun Estado asimétrico, con diferentes fórmulas de autogoberno para as diferentes comunidades que hoxe o compoñen, e Galicia ten que escoller se quere un futuro baseado na autorresponsabilidade, na posibilidade de que os galegos sexamos quen de gobernar os nosos recursos e deseñar o noso futuro, ou se preferimos unha situación de dependencia, subsidiada, na que sempre imos ser comunidade de segunda. Vai depender fundamentalmente da capacidade que teñamos para impor democraticamente o noso criterio. 

A noticia hoxe é que Luís Villares deixa a política. Como ve vostede o nacionalismo galego? 
Para min o máis relevante é que o PP deixou de ser un partido invulnerable e invencible. Hoxe en día non goberna na maioría das cidades galegas nin en tres das catro deputacións. Polo tanto, o nacionalismo ten unha grandísima oportunidade para que haxa un cambio, que eu creo necesario, en Galicia, aínda que só sexa por hixiene democrática, e que pode ser un cambio galego, liderado polo nacionalismo. 

A división no nacionalismo e no chamado espazo rupturista pode perpetuar de novo a Feijóo? 
Eu non dramatizaría sobre as divisións, sempre houbo diferentes pareceres, e hoxe o nacionalismo está moito máis unido, aínda que sexa por decantación e necesidade, e cohesionado que podía estar nos últimos dez anos. Creo que é evidente que existe unha alternativa dentro do nacionalismo con novos liderados e eu penso que iso é o que a xente valora. Moitas veces o ruxerruxe quédase máis reservado á disputa mediática que á realidade social. 

Hai ruxerruxe e hai realidade. 
Por suposto que si, a realidade existe, e con todo o dereito do mundo son realidades que se manifestan. Pero se me preguntaba se iso podía ter unha repercusión electoral, eu creo que non. 

Non? 
Non, porque creo que a representatividade social non se conquista a golpe de comunicado. Non estou con isto dándolle a razón nin a unha parte nin a outra, simplemente creo que o que hoxe é máis relevante, e o que está na cabeza da xente, é a posibilidade de que exista un cambio en Galicia. 

O nacionalismo está moito máis unido, aínda que sexa por decantación e necesidade, ca nos últimos dez anos

Debería o BNG facer un especial esforzo de apertura e integración? 
Descoñezo a vida interna do BNG e das outras formacións e calquera opinión non estaría fundamentada. O que si creo é que, máis que unha cuestión de xenerosidade, é unha cuestión de intelixencia. Creo que o que ten que primar é a necesidade de que haxa un cambio dende a perspectiva nacionalista e hai unha formación política que encabeza ese cambio e que está en condicións de facelo. 

E que é o intelixente? 
A intelixencia é mobilizar a sociedade galega para convencer a maioría de que estamos ante un reto importantísimo e que ten que haber un cambio, pero non un cambio calquera, senón un cambio galego. 

A proximidade a outras formacións soberanistas que teñen connotacións diferentes ás do BNG, como Bildu, axudará ou restará nese obxectivo? 
Eu podo ter unha opinión igual, parecida ou diferente do que se debería facer, pero hai unha cuestión por riba diso moito máis importante que supoño que é a que move o BNG: Galicia precisa aparecer no panorama político estatal e no debate territorial ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña. Creo que é moi importante no acordo que o BNG acadou co PSOE para a investidura que iso quedara reflectido. 

Foi na lista municipal de Allariz, verémolo nas listas galegas? 
Non teño ningunha intención. Participei nas municipais en Allariz porque mo pediron os compañeiros e a miña posición é intentar axudar sempre cando se me pide. Eu non milito no BNG, pero sigo militando nas miñas ideas nacionalistas. Tamén é certo que, os que xa tivemos protagonismo no pasado, moitas veces a mellor axuda que podemos dar é estarmos calados. E iso eu practícoo moitas veces. 

Non houbo esa petición. 
Non, e non ten por que habela.

Anxo Quintana: "Non milito no BNG e non teño ningunha intención de...
Comentarios