Arde un coche por completo na ponte de Rande en Moaña

Un choque en cadea entre catro vehículos deixa dúas persoas feridas en Miño
Un camión dos bombeiros. ARCHIVO
photo_camera Un camión dos bombeiros. ARCHIVO

Un incendio calcinou por completo un turismo cando circulaba pola AP-9, á altura da ponte de Rande, en Moaña, sen, afortunadamente,  causar danos persoais.

O incidente tivo lugar ás 7.30 horas. Neste momento, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar que víase saír fume pola ventá dun vehículo que circulaba pola ponte en dirección a Vigo. Indicaban ademais que os ocupantes do automóbil atopábanse fóra do turismo e, posiblemente, non necesitaban asistencia sanitaria.

Con esta información,  os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros do Morrazo e de Vigo. Unha vez no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que o turismo quedou totalmente calcinado.

Para restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía local, ademais do persoal de mantemento da estrada.

MIÑO. Dúas persoas resultaron feridas esta mañá en Miño despois de que colidisen catro turismos na N-651 ao seu paso polo concello de Miño. Segundo a información facilitada polos bombeiros ao 112 Galicia, unha muller tivo que ser excarcerada ao quedar atrapada no interior dun dos coches implicados no accidente.

O sinistro tivo lugar ás 08.15 horas, cando varias persoas particulares contactaban co 112 Galicia para informar dun accidente na estrada que une os concellos coruñeses de Miño e Ferrol, á altura do punto quilométrico 10, con varios vehículos implicados.

Decontado, os xestores de emerxencias do 112 Galicia requiriron a intervención dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Betanzos e dos axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local. Así mesmo, solicitouse a colaboración dos voluntarios de Protección Civil da localidade e do persoal do servizo de mantemento da estrada.

Xa no lugar, e finalizadas as labores de excarceración, os equipos de emerxencia confirmaron o traslado de dúas persoas ata o centro hospitalario de referencia.