Así será a nova normalidade: máscaras, aforamentos ao 75% e 1,5 metros de distancia

Xente paseando e nas terrazas en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Xente paseando e nas terrazas en Lugo. XESÚS PONTE

Galicia abandonará o luns de forma anticipada a fase tres da desescalada e, fóra do estado de alarma, iniciará a nova normalidade, un período no que se manterán as medidas de protección como o uso de máscara e a distancia de seguridade de polo menos 1,5 metros, pero que suporá a ampliación de aforamentos e actividades permitidas. 

De feito, segundo recolle o decreto publicado este sábado o Goberno galego no Diario Oficial de Galicia, de forma xenérica, os establecementos e recintos de distinta índole terán un aforamento máximo do 75% da súa capacidade total e estableceranse grupos máximos de 25 persoas para visitas guiadas, actividades ou reunións en restaurantes. Poderán xuntarse máis persoas, respectando as medidas de seguridade, en vodas, espectáculos deportivos, funerais ou congresos. 

Unha persoa por cada catro metros cadrados nos parques ao aire libre

Parques infantís 

Tras tres meses pechados, os parques infantís e zonas deportivas ao aire libre abrirán de novo para o seu uso a partir do luns. Isto abarca os parques infantís, parques biosaludables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares, que, no entanto, deberán respectar a capacidade máxima dunha persoa por cada catro metros cadrados

Establecementos e oficinas

Todos os establecementos, tanto públicos como privados, deberán manter as medidas de hixiene, desinfección e ventilación e, para a ocupación de oficinas, vestiarios ou espazos comúns, a Xunta establece a regra dun metro cadrado de espazo por persoa. A distancia de seguridade é exixible en todos os casos nos que sexa posible, e ínstase ao uso de máscara se non é así. 

Tanto os establecementos comerciais como os bares e restaurantes e os mercadillos —con preferencia de postos de alimentación— poderán utilizarse ao 75% de ocupación, aínda que as áreas comúns dos centros comerciais terán unha ocupación máxima do 50%.

Nas terrazas ao aire libre, pola súa banda, increméntase ata 80% e nos locais de hostalería permítense agrupacións de ata 25 persoas

Tamén serán dun máximo de 25 persoas as actividades que programen os hoteis, cuxas zonas comúns abren na nova normalidade ata o 75% de ocupación.

As comitivas fúnebres crecen ata as 75 persoas e as vodas poden alcanzar os 250 invitados ao aire libre

Medidas de protección

A Xunta insta ao pago preferente con cartón, recorda a obrigación de desinfección periódica e establece a colocación de marcas para recordar a distancia de seguridade e para ordenar fluxos de paso sempre que sexa necesario. 

Os clientes pasarán nos establecementos "o tempo estritamente necesario" para recibir o servizo e non se poderán poñer a disposición do público produtos de proba que impliquen a manipulación directa por sucesivos clientes sen que un traballador desinfecte o artigo. 

Nos restaurantes, priorizaranse as mantelerías dun só uso ou, se non é posible, evitarase que o usen varios clientes. Do mesmo xeito, procurarase non usar cartas comúns e apostarase por produtos monodose dun uso. 

Estas indicacións, recolle o decreto, "non serán de aplicación nos establecementos comerciais de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, establecementos farmacéuticos, servizos médicos, óptimas, produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, barberías, prensa e papelería, combustible, estancos...", que deberán, no entanto, cumprir as medidas xerais de hixiene e protección.

Academias, bibliotecas, museos, cines ou igrexas

O decreto recolle que as actividades realizadas en recintos pechados terán, de forma xenérica, unha ocupación máxima do 75% do seu aforamento, como é o caso das clases en academias ou autoescolas, que serán de grupos dun máximo de 25 persoas. As prácticas e exames en vehículo obrigarán ao uso de máscara. 

Tamén operarán ao 75% bibliotecas, arquivos, museos, teatros ou cines, cuxas actividades en grupo tamén terán un límite de 25 persoas, así como os actos relixiosos.

As igrexas non poderán empregar auga bendita e ínstase a que non se realicen ritos que impliquen contacto. 

Velorios e vodas

A Xunta establece un limite máximo de 60 persoas ao aire libre e de 30 en espazos pechados. A comitiva fúnebre será dun máximo de 75 persoas.

Tamén as cerimonias nupciais se rexerán polos límites dos espazos nos que se celebren —igrexas ou recintos doutro tipo—, así como polos dos propios restaurantes, cun máximo de 250 persoas ao aire libre e 150 en espazos pechados.

Congresos ou espectáculos deportivos poderán ter ata 1.000 espectadores sempre que estean sentados 

Piscinas e praias

As piscinas de uso colectivo deberán desinfectar con frecuencia os seus espazos comúns, especialmente vestiarios e baños, e operarán ao 75%.

As praias tamén manteñen as súas medidas de aforamento, que deberán controlar os concellos e que abarcarán unha persoa por cada catro metros cadrados. Permitirase de novo o uso das duchas. 

Deporte, caza e pesca

Estarán permitidas actividades de caza e pesca, así como a actividade deportiva, que poderá realizarse de forma individual ou en grupos de ata 25 persoas de forma simultánea. No caso de que sexa nun espazo pechado, este grupo non superará os dous terzos do aforamento total.

As competicións e eventos deportivos poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado e non supere o 75% do aforamento, cun límite máximo de 300 persoas en lugares pechados e 1.000 ao aire libre

Congresos, reunións e conferencias

Poderán celebrarse congresos, encontros, reunións de negocios ou conferencias sempre que non superen o 75% do aforamento do espazo elixido ou cos mesmos limites que os eventos deportivos, 300 persoas sentadas en espazo pechado ou 1.000 ao aire libre. 

As verbenas e festas populares poderían volver o 1 de xullo 
As verbenas e festas populares, así como as atraccións de feira, poderían volver a Galicia a partir do 1 de xullo, segundo establece o decreto sobre a nova normalidade publicado este sábado no Diario Oficial de Galicia. 

Así, e aínda que a comunidade abandonará o luns o estado de alarma, entrado de forma anticipada na nova normalidade, a Xunta establece algunhas actividades que aínda deberán esperar un pouco máis para celebrarse. 

En concreto, se a situación sanitaria o permite, está previsto que o 1 de xullo se reactiven "as festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións das feiras". Galicia tamén aprazou ata esa data a actividade das discotecas e locais de lecer nocturno que, polo momento, poden ter actividade nas súas terrazas ao aire libre, cun límite do 75% de ocupación. 

Tamén o 1 de xullo esta previsto que se reactiven os establecementos que ofrezan xogos e atraccións recreativas para menores de 12 anos, espazos de xogo e entretemento e establecementos para a celebración de festas infantís.

Albergues ao 50% 
A Xunta informaba esta semana de que os servizos relacionados co Camiño de Santiago tamén se reactivarán o 1 de xullo, coincidindo coa data marcada polo Goberno central para a apertura do turismo internacional. 

No caso dos albergues, o decreto publicado este sábado indica que se permitirá unha ocupación máxima do 50% da súa capacidade total, dadas as súas "especiais características". Os titulares destes establecementos adoptarán "as medidas organizativas oportunas para evitar aglomeracións" e manter a distancia de seguridade, ou, na súa falta, a utilización de máscaras. 

Comentarios