A Audiencia de Ourense, sobre Pachi Vázquez: "Os indicios superan a mera sospeita"

O exsecretario xeral do PSdeG, ao borde de sentar no banquiño
Pachi Vázquez. ARCHIVO
photo_camera Pachi Vázquez. ARCHIVO

A Audiencia Provincial de Ourense rexeitou os recursos de apelación presentados polos exalcaldes do Carballiño (Ourense) Pachi Vázquez e Carlos Montes, así como polos concelleiros socialistas José Antonio Barge, Alfonso Prado e Elisa Domínguez. En relación ao primeiro, que foi secretario xeral do PSdeG, esgrime que os "indicios superan a mera sospeita". 

Segundo esgrime a Sala da Sección 2 da Audiencia Provincial de Ourense, en relación ao recurso de Pachi Vázquez –que alegou que non median indicios de criminalidade na súa relación, senón tan só sospeitas que non alcanzan tal categoría–, "os indicios reflectidos pola instrutora son tales superando a mera condición de sospeitas, posto que a contratación laboral que o recorrente subscribiu nunha ou outra medida foi realizada á marxe de todo procedemento sen realización de expediente algún". 

"E así parecen acreditalo algunha das testificales practicadas nas actuacións, e elas aínda cando sexan contraditas por outros elementos de descargo, esixen a oportuna valoración no plenario, que viabiliza o auto que agora se cuestiona", expón a Audiencia no seu auto. 

No seu recurso, Pachi Vázquez puña de manifesto que non median indicios de criminalidade na súa relación, senón tan só sospeitas que non alcanzan tal categoría, así como que non existe un tratamento individualizado no relato impugnado sobre a implicación do recorrente, "o que carrexaría a nulidade do auto apelado", aínda que o recorrente demandaba só o arquivo da causa. 

Tamén rexeita a Audiencia Provincial de Ourense as alegacións doutros investigados, "por canto a juzgadora a través da individualizada referencia aos contratos cuestionados no auto apelado, determina a responsabilidade de cada un dos recorrentes nos períodos dos seus distintos mandatos". 

Comentarios