Os casos activos dispáranse en Galicia ata os 1.783 tras sumar 160 nun só día

Detectouse un brote nunha residencia no Incio con 69 positivos
Zona de toma de mostras para detectar coronavirus no Hula. SEBAS SENANDE
photo_camera Zona de toma de mostras para detectar coronavirus no Hula. SEBAS SENANDE

O número de casos activos de Covid en Galicia dispárase este xoves ata os 1.783 tras aumentar en 160, cun brote de 69 positivos nunha residencia no municipio do Incio. Esta xornada aumentan os contaxios en todas as áreas, salvo na de Pontevedra, que experimenta un leve descenso, e do total, 1.045 corresponden á da Coruña. 

Así se desprende dos datos actualizados este xoves pola Consellería de Sanidade, que indican que do total de pacientes positivos, seis permanecen en UCI –igual que este mércores–, 64 atópanse en unidades de hospitalización convencional –9 máis–, e 1.713 en seguimento domiciliario –150 máis respecto da xornada anterior–. 

Dos 1.783 casos activos, 1.045 corresponden á área da Coruña e Cee –85 máis que este mércores–; 170 á de Lugo –34 máis–; 141 á de Vigo –tres máis–, 80 á de Pontevedra e O Salnés –catro menos–; 157 á de Ourense –12 máis–; 113 á de Santiago –22 máis– e 77 á de Ferrol –oito máis–. 

Sanidade indica, así mesmo, que, ata o momento, curáronse en Galicia 11.701 persoas, 44 máis que a xornada pasada, e faleceron 626 pacientes con Covid. A última vítima mortal, notificada este xoves, foi un home de 90 anos ingresado no Chuac, que presentaba patoloxías previas. 

Dos 1.783 casos activos na comunidade galega, 86 están vinculados a centros residenciais, 69 máis que este mércores, en relación a 76 usuarios –65 deles dun mesmo centro no Incio– e 10 traballadores –catro da mesma residencia–. 

O número de PCR realizadas até a data na comunidade galega ascende a 290.491 fronte aos 286.968 rexistrados até este mércores, segundo os datos de Sanidade. 

Comentarios