Os autónomos que sexan pais poderán solicitar axudas por valor de 9.000 euros

O obxectivo é que poidan financiar ata o 75 % da escola infantil do primeiro fillo durante un ano e contratar un substituto
Foto de arquivo dos pés dun bebé recén nacido. PIXABAY
photo_camera Foto de arquivo dos pés dun bebé recén nacido. PIXABAY

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores axudas por valor de 9.000 euros para que os autónomos poidan financiar ata o 75 % da escola infantil do primeiro fillo durante o primeiro ano e poidan contratar unha persona que substitúa á nai ou pai autónomo que acaba de ter un fillo. 

"Estamos a falar dun programa que consiste en primeiro lugar nunha axuda de 6.000 euros para que poidan contratar a un traballador que substitúa ao pai ou á nai autónomo que acabe de ter un fillo e, adicionalmente, terán unha axuda de ata 3.000 euros para financiar o 75 por cento da escola pública durante o primeiro ano", engadiu. 

Durante unha visita á escola infantil A Tomada, na Pobra do Caramiñal, acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, o presidente afirmou que a Xunta seguirá comprometida para "garantir as máximas facilidades e o máximo apoio" ás persoas que toman a decisión de ter fillos. 

Respecto diso, referiuse a este centro, aberto pola asociación de empresarios do polígono cunha axuda da Xunta de 200.000 euros, como unha boa mostra do camiño a seguir, contando coa "implicación decidido" do tecido empresarial e cun "apoio contundente" da Administración autonómica. 

Feijóo avogou así pola "colaboración leal e estreita" entre os axentes privados e as administracións públicas para afrontar "un reto que é de todos: dotar de todas as facilidades de conciliación ás familias galegas". Precisou que esta liña de apoios permitiu impulsar outras dúas escolas infantís –a de Río do Pozo, en Narón, e a do polígono de Mos–. 

Ao tempo, lembrou que a partir do 1 de abril uns 12.500 nenos de Galicia poderán ir á escola infantil de forma gratuíta, xa que se activará a gratuidade para as gardarías a partir do segundo fillo. 

Galicia convértese na primeira comunidade de España que toma decisión, remarcou Feijóo, "con independencia da idade do primeiro fillo e con independencia da situación desa familia".

LEI DE IMPULSO DEMOGRÁFICO. Ademais, o presidente subliñou que a conciliación "seguirá sendo unha das grandes prioridades" e confirmou que este xoves o Executivo autonómico aprobará definitivamente, para a súa remisión á Cámara, a lei de impulso demográfico. 

Un documento, remarcou, que incorporou a gran maioría das suxestións do Consello Económico e Social (CES), que fora bastante crítico co texto. 

Por último, Feijóo concluíu lembrando que hoxe os galegos contan "con máis alternativas para conciliar", xa que o número de prazas públicas de escolas infantís duplicouse desde o ano 2009, chegando ás 25.000 actuais. 

Tamén con máis prestacións, como a 'Tarxeta Benvida', e con outros apoios como o 'Bono Coidado'. 

Comentarios