As axudas 'bono de alugueiro social' da Xunta cubrirán as mensualidades no estado de alarma

O Goberno galego convoca as subvencións ao aluguer das vítimas de violencia machista, para o que destina 2 millóns
Alberto Núñez Feijóo. EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. EFE

O Goberno galego aprobou este venres estender as axudas do programa bono de alugueiro social para que cubran a totalidade do aluguer mensual das familias beneficiarias "mentres se manteña o estado de alarma", precisou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Tal e como explicou o mandatario autonómico en rolda de prensa, o obxectivo é que aquelas persoas que "na actualidade sexan beneficiarias desas axudas non teñan que facer fronte ao pago do aluguer" durante a vixencia das medidas para frear a expansión do coronavirus.

En total, a Xunta estima que serán 157.500 euros ao mes que se abonarán ás 700 familias beneficiarias para cubrir tamén a parte do aluguer que non abarca este bono social.

Ademais, o Goberno galego autorizou a convocatoria do 2020 do bono de alugueiro social destinado ás vítimas de violencia de xénero, un colectivo que, en palabras de Feijóo, "non pode esperar". O prazo de solicitude abrirase coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e até o 11 de decembro, salvo que o crédito orzamentario se esgote antes.

MÁIS DE 2 MILLÓNS

En total, esta orde de subvencións está dotada de máis de dous millóns de euros, segundo concretou o presidente, que serán destinadas a aquelas mulleres que sufran esta lacra que convivan e sexan dependentes economicamente do seu agresor ou que sufrisen trata con fins de explotación sexual.

Terán a mesma consideración aquelas mulleres que sufriron o asasinato dos seus fillos, así como as persoas de menos de 30 anos cuxas nais sexan vítimas mortais da violencia machista e que dependesen economicamente delas ou dos seus agresores.

Estas axudas serán de 225, 200 ou 175 euros, unhas contías que equivalen ao 50 por cento do máximo que pode alcanzar o aluguer mensual en función da zona: 450 euros nas sete grandes cidades, 400 nos concellos urbanos e 350 nos rurais.

O 'bono de alugueiro social' concederase por un período de doce meses, prorrogable dúas veces polo mesmo tempo --o máximo, tres anos--. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar unha axuda complementaria de até 600 euros para os gastos derivados de obrigacións como a fianza, entre outras.

ALUGUER DE VIVENDAS PÚBLICAS

Por outra banda, o Executivo autonómico decidiu "non xirar os recibos desde abril e mentres se manteña o estado de alarma" aos inquilinos de vivendas de promoción pública e de locais comerciais propiedade da Administración.

"Estamos a falar de 3.500 familias e 42 titulares de locais", estimou en rolda de prensa o presidente da Xunta, quen tamén calculou que o importe destes recibos aprazados ascende a un total de 300.000 euros.

Comentarios