Baixan un 29% as rupturas matrimoniais en Galicia no primeiro trimestre do ano

Entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo presentáronse 1.185 demandas de divorcio e separación na comunidade

 

Divorcios. AEP
photo_camera Divorcio. EP

O número de demandas de ruptura matrimonial —separacións e divorcios— presentadas en Galicia no primeiro trimestre de 2018 situouse en 1.185, fronte ás 1.677 rexistradas no mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso do 29,3 por cento, fronte ao 8,2 por cento de caída de media estatal. Así o informa este luns o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en relación aos datos feitos públicos pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Ademais, aclara que "esta baixada se debe, polo menos en parte, á folga de funcionarios que desde febreiro afectou ao normal funcionamento" da Administración de Xustiza na comunidade. O TSXG fai fincapé ao relacionar as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2018 en que "se observa que o menor número de demandas por cada 10.000 habitantes deuse en Galicia no período estudado", con 4,4, fronte ao 6,2 de media estatal. 

Segundo os datos feitos públicos pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, en Galicia descenden os divorcios consensuados de 883 a 628, o que supón unha caía do 28,9 por cento, como o non consensuados —de 740 a 520—, nun 29,7%. 

En canto ás separacións consensuadas, pasaron de 36 a 28 no primeiro trimestre do ano na Comunidade galega, mentres que as non consensuados reducíronse de 18 a 9. Ademais, neste período non se rexistrou ningunha petición de nulidade matrimonial.

MEDIDAS. Así mesmo, no tres primeiros meses do ano rexistrouse en Galicia tamén unha caída interanual tanto nos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, como nos de modificación de medidas en procesos de separación e divorcio. Deste xeito, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2018 iniciáronse 108 procedementos de modificación de medidas consensuadas, o que implica un 16,3 por cento menos que no mesmo período do ano anterior. Pola súa banda, as demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 488 a 387, un 20,7% menos. 

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 162 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 275 do primeiro trimestre de 2017, o que supón un descenso do 41,1 por cento; e 349 demandas de modificación de medidas non consensuadas, fronte ás 378 do ano pasado, o que representa unha baixada interanual do 31,7%.

DATOS ESTATAIS. En total en España no primeiro trimestre de 2018 o número de demandas de disolucións matrimoniais, separacións e divorcios, mostrou unha diminución do 8,2% respecto de igual trimestre de 2017, segundo os datos recollidos polo Servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial. 
 

Comentarios