Feijóo anuncia unha batería de medidas nunha mensaxe en clave de continuidade

►"O meu compromiso coa Comunidade está máis vixente que nunca" ►"As familias terán educación infantil de 0 a 3 anos totalmente gratuíta a partir do segundo fillo desde o primeiro trimestre de 2020" ►Avanza un plan contra o acoso escolar 
Núñez Feijóo, durante o debate XOÁN REY
photo_camera Núñez Feijóo, durante o debate. XOÁN REY

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu a axitar o seu "pacto con Galicia" -que reivindica con forza en cada campaña electoral- e situou enfronte "a un carrusel de oposición" que, se chegase a gobernar na comunidade, levaría unha "enorme inestabilidade" equiparable á que, ao seu modo de ver, se vive no escenario estatal. 

"Quero a Galicia e non quero que estea na mesma situación de España. España podería copiar o modelo de Galicia. Para min Galicia é todo (...) Pero vostedes propoñen para Galicia un Goberno que fracasou en España. Gobernan en todas as institucións nas que o PP non sacou maioría absoluta e (Pedro Sánchez) agora din que non poderían durmir tranquilos en España. Pois a min non me desvela o extremismo e o populismo", defendeu. 

Feijóo iniciou a súa intervención no Debate de Estado da Autonomía en clave de continuidade, fixando as próximas eleccións autonómicas dentro de "doce meses".
 
Tras reivindicar a importancia da cita de política xeral que se celebra cada ano na Cámara galega, o máximo mandatario autonómico asegurou que un debate similar, aínda que de investidura, volverá convocar a todos os galegos "dentro de doce meses". 

"A Tarxeta Benvida ampliará a súa contía para o terceiro fillo ata os 3 anos e, no rural, incrementarase un 25% para as familias dos concellos de menos de 5.000 habitantes".

No arranque, ademais, o presidente da Xunta asegurou non conformarse co xa conseguido nos seu dez anos de goberno para lograr unha "Galicia mellor" e deixou claro que o seu compromiso coa Comunidade galega "está máis vixente que nunca". 

Todo iso nunha intervención na que, tras facer un breve repaso polos indicadores económicos, analizou a situación política no Estado para asegurar que empeza a haber "fartura" entre a cidadanía con catro eleccións en catro anos. 

Enfronte a esta "inestabilidade", Feijóo asegurou que a Xunta seguirá traballando "por esta Galicia estable", cunha política que se dedica aos cidadáns e non aos intereses dos partidos. 

CONCILIACIÓN. Deixando á marxe a análise do contexto político, as principais medidas avanzadas polo presidente durante o debate teñen como obxectivo "facer de Galicia un referente da conciliación".

Nesta liña cabe salientar o compromiso coas familias "que terán educación infantil de 0 a 3 anos totalmente gratuíta a partir do segundo fillo desde o primeiro trimestre de 2020.

Así mesmo, o xefe do Executivo autonómico avanzou que solicitará formalmente ao Goberno central unha proposta de colaboración e cofinanciación para que as gardarías "sexan 100% gratis" para todas as familias desde o primeiro fillo. 

Outro dos anuncios de Núñez Feijóo foi a ampliación da Tarxeta Benvida. "Ampliarase a contía para o terceiro fillo ata os 3 anos", anunciou. Ademais, adiantou tamén que se "incrementará un 25% para as familias dos concellos con menos de 5.000 habitantes".

Seguindo co eido educativo, o presidente avanzou un plan contra o acoso escolar e anunciou o compromiso de que "a educación pública garantirá que o 100% dos mozos abandonen as escolas dominando unha terceira lingua.

ACOSO ESCOLAR. "Debemos asumir que o bullying non é unha cousa de nenos, senón un problema no que hai vítimas ás que hai que protexer", declarou Núñez Feijóo.

"É importante ensinar aos nenos todas as vantaxes da tecnoloxía, pero tamén a protexerse delas", afirmou o presidente galego, que salientou a importancia de que o futuro plan teña en conta "os novos riscos" derivados do uso de Internet.

FUTURO. Alberto Núñez Feijóo, pechou o seu discurso na apertura do Debate sobre o Estado da Autonomía cunha mensaxe sobre o seu futuro. "Os galegos e galegas e poden contar coa Xunta de Galicia e poden contar comigo. Non hai maior honra que servir a Galicia. Ningunha". 

Así terminou o xefe do Goberno galego a súa intervención, que se estendeu durante máis de horas e que, nos últimos minutos, tivo que ser interrompida polo desmaio dun uxier da Cámara

Xusto antes deste incidente, Feijóo tirou de ironía para defender o "modelo Galicia" como contrapunto á "inestabilidade" de situación política no Estado. "O galegos si poden durmir tranquilos no que respecta á Xunta", espetou o líder dos populares galegos. 

Nesta liña, Feijóo defendeu a "moderación, centralidade e unidade" que, di, ofrece a Xunta fronte a "a política de división e trincheiras" que, segundo o mandatario autonómico, marca a política estatal. 
 

"Non me deixaría durmir un goberno cuatripartito"
Na súa quenda de réplica, xa pola tarde, Feijóo cargou contra os grupos da oposición, aos que acusou de querer "que Galicia copie a inestabilidade de España" e expresou os seus temores a un futuro Goberno autonómico encabezado por estas forzas.

"Non me deixaría durmir que a oposición cuatripartita se convertese nun desgoberno multiplicado por catro", afirmou Núñez Feijóo, que parafrasou as declaracións do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, respecto ao pacto de investidura errado con Unidas Podemos. Na súa réplica aos grupos da oposición, o presidente galego sostivo que, se hoxe gobernase a oposición en Galicia, "non habería máis que unha enorme inestabilidade" como a que se vive no Estado e, a continuación, insistiu en exportar a fiabilidade do modelo galego ás institucións no resto de España.

Comentarios