O BNG propón chamar Avenida da República a rúa Juan Carlos I de Santiago

La compostelana Avenida de Juan Carlos I. GOOGLEMAPS
photo_camera A compostelá Avenida de Juan Carlos I. GOOGLEMAPS

O grupo municipal do BNG de Santiago proporá no próximo pleno convocar a Comisión de Condecoracións para cambiar o nome da Avenida Juan Carlos I polo de Avenida da República

Segundo explica a edil Navia Rivas, farao dada a investigación que realiza a Fiscalía en relación ao Rei emérito pola "súa presunta implicación co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal". Isto, xunto aos "motivos que o levaron a abdicar", considera o BNG, "non o fan digno de formar parte do rueiro compostelán". 

A maiores, o grupo do Bloque sostén que, nos últimos anos, "diversas cidades están a retirar os nomes da familia real dos rueiros municipais", ao "considerar a monarquía como unha figura anacrónica e, cada vez, máis asociada as presuntas irregularidades económicas e delituosas derivadas do abuso e do privilexio dos cargos que ostentan". 

A Avenida Juan Carlos I de Santiago de Compostela pasou a chamarse así o 6 de maio de 1981, para substituír o nome de Martínez Anido, que fora ministro de Gobernación con Primo de Rivera e de Orde Pública con Francisco Franco. 

Segundo a información facilitada polo profesor e investigador Xosé Ramón López Boullón ao BNG, a vía tivo con anterioridade distintas denominacións, como Avenida da Liberdade, Camiño Novo, Campo da Feira ou Camiño de Pontevedra, entre outros. 

Comentarios