O BNG propón que compareza Lores na comisión de reconstrución do Congreso

Presenta unha lista que inclúe o secretario xeral da CIG, a presidenta de Adega e a secretaria nacional de CIG-Saúde
Primera sesión de la comisión del Congreso para la reconstrucción social y económica. EFE
photo_camera Primeira sesión da comisión do Congreso para a reconstrución social e económica. EFE

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha proposta para que comparezan ante a comisión de reconstrución creada na Cámara baixa para afrontar as consecuencias da pandemia do coronavirus o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril

Co obxectivo de que acheguen información sobre a situación socioeconómica de Galicia, na proposta do Bloque tamén figuran a profesora da USC e experta en desenvolvemento rural María do Mar Pérez; a presidenta do colectivo ecoloxista Adega, Virginia Rodríguez; a economista e experta en políticas pesqueiras María do Carme García Negro, e a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín. 

En canto aos primeiros, a formación frontista destaca que o nacionalista Fernández Lores é "o impulsor dun modelo de cidade habitable e sostible recoñecido internacionalmente", mentres que Paulo Carril encabeza a "primeira" central sindical de Galicia. 

A proposición de comparecencias foi rexistrada na Cámara este xoves, xornada na que se debateu o plan de traballo da comisión para a reconstrución. Segundo informa o BNG, Rego pediu a creación dun grupo de traballo chamado "cambio político" centrado en garantir "a eficacia e as medidas de carácter social e económico". 

Así, o Bloque expuxo que as nacionalidades históricas teñan "capacidade para decidir o desenvolvemento das súas políticas económicas", aínda que a iniciativa foi rexeitada cos votos en contra de PSOE, Unidas Podemos, Vox, Partido Popular e Ciudadanos.

INVESTIGACIÓN SOBRE JUAN CARLOS I. O Bloque tamén informou de que a Mesa do Congreso rexeitou a admisión a trámite dunha iniciativa que solicitaba investigar as "prácticas corruptas" da Casa Real e, en concreto, as que poidan afectar o rei emérito Juan Carlos I. 

"Non investigar este tipo de condutas que afectan directamente á xefatura do Estado é equivalente a amparalas e incluso a lexitimar socialmente a corrupción", denunciou Rego. 

Comentarios