O BNG quere que por lei o galego sexa lingua vehicular no ensino

Lamenta que o idioma perda falantes "sobre todo no ámbito urbano" e culpa á política lingüística da Xunta 

Ana Pontón. PEPE FERRÍN
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, adiantou que o seu partido presentará ao Parlamento unha proposición de lei de reforma da lei de normalización lingüística para "blindar" o galego no ensino e que sexa a lingua vehicular en Galicia, e pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "abandone a subordinación" ao presidente do Partido Popular, Pablo Casado, "porque non se pode lexislar a lingua galega desde Madrid".  Tal como asegurou este luns en rolda de prensa, o galego "ten futuro" xa que "hai unha base social moi identificada o idioma". Con todo, lamentou que na xeración máis nova e, sobre todo no ámbito urbano, "haxa unha perda de galegofalantes". 

"Que isto pase non é responsabilidade das familias. Hai unha responsabilidade colectiva. Nesta evolución ten moito que ver a política lingüística que se seguiu desde a Xunta de Galicia nos últimos anos e que están a alertar que o decreto mal chamado do plurilingüismo é o decreto da vergoña, que significa retroceder nos usos do galego e é necesario revisar esta política", apuntou. 

Así, o BNG sinalou que é necesario "actuar canto antes" e "blindar a lingua galega ante os ataques que mesmo cuestionan o marco actual e as competencias que ten Galicia en materia educativa" (en relación á proposta do presidente do Partido Popular, Pablo Casado, de recentralizar as competencias educativas). "Vemos con moita preocupación como nestas últimas semanas esa tridereita españolista (PP, Ciudadanos e Vox) está a lanzar de novo ataques que pon en cuestión o futuro da nosa lingua" , criticou a portavoz nacionalista, quen engadiu que estes partidos "volven con mentiras e prexuízos que nada teñen que ver coa realidade galega" xa que, ao seu xuízo, "se unha lingua está discriminada é a galega" (no marco de que o líder de Ciudadanos, Albert Rivera, defendeu que o castelán será lingua vehicular en toda España se chega ao Goberno). 

Entre as propostas que recollerá o BNG, atópase a de "blindar" o dereito dos nenos galegos a ter competencias "plenas" en lingua galega, que a lingua galega sexa o idioma vehicular no ensino, así como outros aspectos que xa se incluían no Plan Xeral de Normalización Lingüística, "para dar un paso adiante nun ámbito tan importante e sensible".

"Feijóo ten que decidir de que lado está. Se está ao lado de Casado, que vai de ganchete con esa dereita españolista, que quere recentralizar as competencias de educación e que está a propor que se decida desde Madrid cal é a lingua vehicular no ensino. Ou se está ao lado da maioría dos galegos, da defensa das competencias de Galicia", subliñou.