Jueves. 13.12.2018 |
El tiempo
Jueves. 13.12.2018
El tiempo

O BNG reivindica o dereito á autodeterminación cun gran mural na Praza do Obradoiro

Fotografía faciltiada polo BNG de centos dos seus simpatizantes formando a lema 'Galiza nación' na Praza do Obradoiro, este xoves. BIEITO LOBEIRA
Fotografía faciltiada polo BNG de centos dos seus simpatizantes formando a lema 'Galiza nación' na Praza do Obradoiro, este xoves. BIEITO LOBEIRA

Pontón pide "desmentir a patraña de que o estado español é un estado descentralizado" e advirte de que "Franco morreu, pero o franquismo non" 

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reivindicou o dereito á autodeterminación de Galicia e unha "reforma democrática do estado" nun acto contra a Constitución, coincidindo co 40 aniversario da Carta Magna, na Praza do Obradoiro. 

A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, estivo acompañada pola candidata do BNG á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e polo secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández. 

O tres foron críticos coa Constitución nunha data na que o nacionalismo galego "non ten nada que celebrar". Ante un centenar de militantes, reivindicaron o dereito á autodeterminación de Galicia. 

Os militantes reunidos no Obradoiro despregaron unha enorme 'estreleira', un mosaico coa lema 'Galiza Nación' e unhas letras que pedían a república galega.

"A CONSTITUCIÓN NON SOLUCIONA OS PROBLEMAS DE GALICIA". Ana Pontón lembrou que a norma non tivo "apoio masivo en Galicia", coa participación máis baixa de España, xunto co País Vasco. 

Ademais, asegurou que "non serviu para dar solución aos problemas de Galicia" e referiuse a "os mozos que teñen que emigrar". A nacionalista tamén denunciou que "non garante o futuro da lingua galega, permite a súa discriminación e impón o uso do castelán" e alertou de que, no actual contexto, a comunidade ten "as segundas pensións máis baixas do estado". 

Pontón asegurou que a Constitución 'non serviu para dar solución aos problemas de Galicia'

Pontón utilizou datos como a perda do tres por cento da poboación desde 1978, así como a diminución do peso do PIB galego respecto ao estatal, que pasou do 6 por cento ao 5,2 actual. "A gran privilexiada foi Madrid", lamentou. 

Neste sentido, pediu "desmentir a patraña de que o estado español é un estado descentralizado" e engadiu que "a máis centralismo, máis desigualdade". 

"Queremos un novo status que nos recoñeza como o que somos, e que nos dea ferramentas para mellorar a vida das persoas e facer que avance e progrese, porque podemos facelo se decidimos nós", pediu a portavoz nacional.

REFORMA DEMOCRÁTICA. Na súa intervención, Pontón insistiu na necesidade de "gañar poder político e económico". "Para poder avanzar hai que cuestionar este marco constitucional e falar sobre o verdadeiro significado dunha Transición que queren sacralizar e que non foi modélica", proclamou. 

Nesta liña, lembrou que o Bloque "nunca aceptou a impunidade dos crimes franquistas e a monarquía" e aproveitou para reivindicar "a coherencia do nacionalismo galego". "Hai 40 anos xa denunciabamos que a monarquía é unha institución antidemocrática e corrupta", aseverou. 

Pontón pediu "unha reforma democrática do estado que se base no recoñecemento do carácter plurinacional e no respecto ao dereito á autodeterminación dos pobos". "É un dereito democrático que non se pode negar en ningunha constitución", aseverou.

O AUXE DE VOX. Tamén tivo tempo para falar sobre o auxe de Vox, escenificado cos seus case 400.000 votos e 12 escanos nos recentes comicios andaluces. Sobre este respecto, dixo que "Franco morreu na cama, pero o franquismo non morreu". 

Franco morreu na cama, pero o franquismo non morreu

A portavoz pediu non deixarse paralizar polo medo, porque "fai que o monstro sexa cada vez maior" e alertou de que "a radicalización da dereita" é un fenómeno que "avanza en todo o mundo". 

"FUTURO CON OPTIMISMO". Goretti Sanmartín, a primeira en intervir, lembrou que este mes se pecha "un ciclo de celebracións históricas do nacionalismo galego, que se iniciaron en 2016 co centenario das Irmandades da Fala". "Son uns anos de facer historia, de amor pola nosa terra, de compromiso e de traballo para a liberación do noso país", engadiu. 

A alcaldable nacionalista puxo a vista nun futuro que a súa formación afronta "con optimismo", de cara aos "retos" das eleccións europeas e municipais dos próximos meses. 

O BNG reivindica o dereito á autodeterminación cun gran mural na...
Comentarios