Os bombeiros da Coruña sufocan un incendio nunha casa okupa

Non se atopou a ningunha persoa na vivenda

Os Bombeiros da Coruña sufocaron este domingo ao redor das 23.30 horas un incendio declarado tres horas antes nunha vivenda unifamiliar situada entre os números 9 e 13 da rúa Camiño do Piñeiral, nas inmediacións do Peruleiro, que se atopaba okupada.

Os bombeiros do parque da Grela recibiron o aviso das chamas ao redor das 20.40 horas, tras o que dirixiron ao lugar dos feitos catro dotacións que, debido ao difícil acceso á zona, cunha rúa moi estreita, tiveron que actuaron desde os extremos da rúa.

No dispositivo despregado tamén participaron axentes da Policía Local e da Policía Nacional, mentres que os equipos sanitarios permaneceron á espera na zona, aínda que a súa actuación non foi necesaria, xa que non se atopou a ningunha persoa no interior do inmoble, que quedou totalmente calcinado.