Caballero acredítase como deputado e promete confrontar con Feijóo

O secretario xeral do PSdeG cre que estará "en condicións de confrontar dialectica e argumentalmente" con Feijóo cando haxa un debate político

Gonzalo Caballero. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Gonzalo Caballero. XOÁN REY (EFE)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acreditouse este mércores como novo deputado do Parlamento de Galicia e asegurou que, "no momento no que haxa un debate político" na Cámara autonómica no que compareza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estará "en condicións de confrontar dialecticamente e argumentalmente" co mesmo.

Así se expresou Caballero este mércores pola mañá en declaracións aos medios tras superar un dos trámites da súa incorporación ao Lexislativo galego, onde chega tras case dous anos como secretario xeral do partido e en substitución do deputado Abel Losada, que pasa a formar parte da corporación municipal da cidade de Vigo.

O dirixente socialista xustificou a súa tardanza á hora de pasar a formar parte do grupo parlamentario polo compromiso adquirido durante a súa campaña de primarias de compaxinar o cargo orgánico co seu labor docente na Universidade de Vigo, que lle permite demostrar -afirmou- que chega á política "coa súa vida profesional resolta" e co afán de "facer un servizo público".

Así mesmo, comprometeuse a demostrar que o PSdeG ten "un proxecto de país distinto" ao que presenta Núñez Feijóo, a quen ligou ao "pasado" tras dez anos de Goberno e defendeu que é tempo de abrir "unha nova etapa" en consonancia cos cambios que viviu a realidade política e social galega.

"Teño gañas de medirme coa opinión da cidadanía", sostivo Caballero, que apreciou que "este Parlamento galego -con maioría absoluta de 41 deputados do PPdeG- reflicte o resultado das urnas de hai tres anos" e non o novo "escenario electoral" no que, na súa opinión, os socialistas contan con opcións para ser a primeira forza política.

Por todo iso, pediulle ao presidente da Xunta que clarifique en que "horizonte temporal" tocará moverse de cara aos próximos comicios autonómicos, que deberán celebrarse antes de que finalice 2020, e nos que prevé que o Executivo galego faga uso "de todo o poder político" e da "publicidade institucional" para "tentar proxectar unha imaxe de poder, de control" que xa "non reflicte a realidade de Galicia".

Ademais, instou a Núñez Feijóo a levar "con dignidade e coa responsabilidade que merece o cargo o último ano que queda desta lexislatura", polo que lle reclamou que "deixe de xogar ás promesas a longo prazo en distintos ámbitos das políticas da Xunta" cando en apenas uns meses os galegos decidirán quen terá no futuro as competencias sorbe temas como a sanidade, a demografía ou o turismo.

En canto ao seu labor parlamentario, Caballero prometeu un "traballo intenso" de cara á sociedade para alimentar a proxección do PSdeG como "a alternativa real para o futuro Goberno de Galicia" e en prol dun cambio político que "poida reflectir a nova maioría social de progreso que hai no país".

Finalmente, concluíu a súa exposición demandando ao propio presidente da Xunta "que non deixe pasar un día máis sen facer dimitir á Valedora do Pobo", unha institución que "segue estando ensuciada por unha sentenza xudicial que demostrou unha contratación irregular, ilegal, que mancha ao PP" e que enturba a imaxe dunha institución que debería garantir a transparencia e os dereitos cidadáns.