Caballero avisa a En Marea que un 'non' aos Orzamentos será unha "labazada" aos galegos

O secretario xeral do PSdeG retou a "Feijóo a que diga que melloras para Galicia fan falta para que o PP en Madrid vote a favor dos orzamentos"

El secretario general del PSdeG, Gonzalo Caballero. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. LAVANDEIRA JR (EFE)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou o "compromiso social" dos Orzamentos Xerais do Estado presentados polo Goberno de Pedro Sánchez, que "todos os progresistas" e os "cidadáns de esquerdas" saben que son "positivos" para Galicia, e advertiu a En Marea sobre as consecuencias de que non os apoien. 

"Os orzamentos deben saír adiante, e apoiar unha emenda á totalidade a estes orzamentos sociais será unha labazada á cidadanía en Galicia e en España", remarcou Gonzalo Caballero, nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press. 

Ante o anuncio de En Marea de que votarían en contra, incluso rompendo a disciplina de grupo de Unidos Podemos, no caso de que non se introduzan cambios nos Orzamentos no que respecta a Galicia, Gonzalo Caballero defendeu as contas presentadas polo PSOE, que son "o mellor que lle pode ocorrer aos cidadáns" tras os "recortes e corrupción do PP e a súa campaña de difamación ao Goberno". 

Gonzalo Caballero agregou que "PP con Vox e Cidadáns queren levar a ultradereita ao Goberno de España e os progresistas e a cidadanía saben que hai un Goberno que está a gobernar ben". 

'FALACIA' DE FEIJÓO 
Pero as críticas de Caballero tamén se dirixiron cara ao PP e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que retou a demostrar que o PP votaría a favor en Madrid se se introducisen cambios nos orzamentos para Galicia. 

"É a gran falacia de Feijóo e non vou entrar na trampa da dereita", subliñou Caballero, que acusou ao presidente da Xunta de "estar entregado ao pacto do PP con Vox". 
"Reto a Feijóo a que poña os intereses dos galegos por encima dos de Casado e de Vox e que diga que condicións necesita para que o PP apoio os PGE", ironizou.

ORZAMENTOS QUE SUBIRÁN INGRESOS A "UN MILLÓN DE GALEGOS" 
Gonzalo Caballero defendeu os orzamentos, por ser "realistas" fronte aos do PP que consignaba pero deixaba sen gastar "2.000 millóns de euros coa conivencia de Feijóo". 

En cifras, destacou a subida que beneficiará a "preto de 700.000 pensionistas" aos que Rajoy enviaba unha carta dicindo que "só" llas podía revalorizar o 0,25%, ou as melloras que afectarán a case 200.000 autónomos e o incremento para 150.000 empregados públicos ou para 70.000 cidadáns con ingresos mínimos, así como as contías destinadas a educación ou a bolsas. 

"Hai máis dun millón de galegos que verán como os seus ingresos mensuais directos vanse incrementar con estes orzamentos", agregou. 

A maiores, puxo en valor investimentos como as que confirman "o compromiso coa chegada da AVE" ou os 4.300 millóns que chegarán a Galicia pola construción das fragatas en Navantia.

Comentarios