Caballero pide responsabilidades polo "engano masivo" da peaxe de Redondela

O rexedor vigués critica a Fomento e á Xunta: "Incumplidores, non movestes un papel!"

Abel Caballero. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Abel Caballero. XOÁN REY (EFE)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu responsabilidades políticas a Ana Pastor e Alberto Núñez Feijóo polo que cualificou como un "engano masivo" por parte do PP no Goberno central e autonómico, despois de que "en sete meses" non deron "un só paso para retirar" a peaxe da AP-9 entre Vigo e Redondela.

Así, un día despois de que a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, trasladase que lle "sorprende e preocupa" que o novo Ministerio de Fomento "poña en dúbida e cuestione todos os acordos alcanzados con Galicia", Caballero trasladou que está "estupefacto" co PP e con que "agora culpe ao Goberno que acaba de entrar hai dúas semanas".

"Este é o mundo ao revés: Os incumplidores, mentireiros e calumniadores culpan aos que din que foi todo unha mentira. Agora resulta que o goberno que entrou é o culpable de que non cumprise o Goberno anterior", reprobou, a colación do que insistiu en que é "intolerable o cinismo de Feijóo, Pastor e o alcalde de Redondela".

Neste sentido, incidiu en que "negan o obvio: Que dixeron que ían retirar a peaxe, cando non tiñan ningunha vontade". "Pero incumplidores, se non movestes nin un papel, nin sequera falastes coa empresa nin iniciastes a tramitación!", mantivo.

Acto seguido, Caballero remarcou que "é todo mentira", e ademais da a peaxe, fixo alusión ao AVE, acerca do que aseverou que "leva cinco anos parado" e é o novo Goberno socialista o que "está a tratar de acelerar e facelo ao día". "Pero chegaron hai 15 días e leva parado 6 anos", resolveu.

Ante todo isto, transmitiu que Feijóo ten que asumir "responsabilidades políticas" e Ana Pastor "ten que deixar o seu escano" e o PP pedir a súa "dimisión". De feito, avanzou que levará estas cuestións a pleno  —non descarta convocar un extraordinario—, "para tratar estes enganos masivos de Rajoy, Pastor e Feijóo". "Os tres xuntiños traizoaron a Vigo", selou. 

Comentarios