jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Caballero reclama a Feijóo "unha explicación veraz" da súa relación con Marcial Dorado

Gonzalo Caballero.EUROPA PRESS
Gonzalo Caballero.EUROPA PRESS
Pontón: "A entrevista evidencia que Feijóo mentiu"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou este luns ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “unha explicación veraz” para todos os galegos da relación que mantivo co narcotraficante e contrabandista Marcial Dorado.

Caballero pronunciouse así despois de que unha cadea de televisión, La Sexta, emitise no día este domingo unha entrevista con Dorado na que este mesmo confirmaba a existencia dunha relación de amizade co presidente galego durante os últimos anos da década dos 90.

Así pois, na súa comparecencia ante os medios desta mañá, o dirixente do PSdeG quixo referirse a este tema “moi evitado por parte dos poderes establecidos do PP en Galicia” e asegurou que é un elemento “que está presente” na axenda política aínda que os populares prefiran ignoralo.

“Existiu unha relación entre dúas persoas cunha faceta pública: un presidente dun Goberno autonómico e un de dos capos do narcotráfico máis importantes de toda Europa”, afirmou Caballero, que esixiu “respostas” ao PP sobre este tema.

De igual forma, considerou “que era público e notorio que ese narcotraficante xa ocupara páxinas de xornais pola súa actividade no contrabando de tabaco e no narcotráfico” cando iniciou a súa relación con Núñez Feijóo, a pesar de que cando o presidente da Xunta explica este vínculo “intenta enganar á opinión pública”.

“Estamos a ver como Feijóo non quere contar a realidade do país”, concluíu Caballero, que sinalou que este non é un asunto privado irrelevante, senón unha “relación continua, íntima e fluída entre alguén que era un narcotraficante que adiñeiraba 70 millóns de euros en paraísos fiscais” e o responsable do Executivo galego. 

Pontón: "A entrevista a Marcial Dorado evidencia que Feijóo mentiu"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou este luns que a entrevista ao narcotraficante Marcial Dorado emitida este domingo no programa Lo de Évole, na que profundaba na súa relación co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "volve evidenciar" que este "non nos dixo toda a verdade" e "mentiu sobre a súa amizade".

"O feito de que negase a súa amizade con Marcial Dorado pon o foco sobre en que máis cousas mentiu, non só sobre a súa relación, senón tamén sobre outros asuntos", sinalou Pontón nunha rolda de prensa telemática.

"Se fose el, eu estaría moi preocupada porque un narcotraficante me tivese como referente de honradez, iso non está nada ben", resolveu Pontón.

A relación entre Núñez Feijóo e Marcial Dorado, condenado a dez anos de prisión por narcotráfico, saíu á luz en 2013 ao publicarse unhas fotografías de ambos nun iate en 1995, cando o presidente da Xunta era un alto cargo da Consellería de Sanidade. 

Caballero reclama a Feijóo "unha explicación veraz" da súa relación...
Comentarios