Caballero reivindica o "modelo socialista" para "construír a mellor Europa posible"

Así se expresou o líder dos socialistas galegos durante a súa intervención na convención rexional sobre Europa do Partido Socialista Portugués

Gonzalo Caballero e Antonio Costa. EP
photo_camera Gonzalo Caballero e Antonio Costa. EP

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou o "modelo socialista" dos gobernos en España e Portugal como "camiño" para "construír a mellor Europa posible". 

Así se expresou o líder dos socialistas galegos durante a súa intervención na convención rexional sobre Europa do Partido Socialista Portugués, celebrada este sábado na localidade lusa de Vila Real. 

Alí, Caballero asegurou que os socialistas achegaron "o mellor modelo de gobernanza que existiu" á hora de construír unha Europa baseada "no estado de dereito, a democracia e a liberdade" a través dun "modelo inclusivo e integrador". 

Por iso, cre que os socialistas españois e portugueses deben facer "moita pedagoxía política" de aquí ás eleccións europeas para "saír a convencer e a vencer" fronte ao auxe "dos populismos e os movementos extremistas". 

"Estamos a remontar o escenario complexo que tivemos durante moito tempo en España. Estamos en condicións de ser a primeira forza nas eleccións europeas e municipais", aseverou Caballero. 

Así mesmo, o economista vigués enxalzou o traballo realizado polo Partido Socialista no goberno de Portugal nun momento no que, segundo Caballero, "cuestionábase o poder da esquerda". "Mostraron un camiño sobre como avanzar para permitir o crecemento económico e a defensa de quen ten máis dificultades", asegurou.

Comentarios