jueves. 04.06.2020 |
El tiempo
jueves. 04.06.2020
El tiempo

Caballero tacha a Feijoo de "inimigo" das cidades por "afastarse" delas

Gonzalo Caballero e Inés Rey, este lunes en A Coruña. EFE
Gonzalo Caballero e Inés Rey, este lunes en A Coruña. EFE

O líder do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, tachou este mércores a Alberto Núñez Feijóo de "inimigo" das cidades por "afastarse" da súa cidadanía sen apostar "polo estado do benestar" ou "novas políticas urbanas".

"Cada vez que Feijóo vai ás cidades sáelle un pouco de urticaria porque pensa que cada vez que se abren as urnas perde nas cidades porque hai maiorías de progreso", asegurou o socialista na Coruña tras reunirse coa alcaldesa, Inés Rey.

Nesta liña, cargou contra o popular porque —denunciou— "quere vender como unha década prodixiosa" o seu mandato, pero ao seu xuízo "foi unha década nefasta na que a Xunta non estivo á beira dos máis desfavorecidos en momentos de crises e tamén agora que hai recuperación económica". 

"Feijóo afastouse da cidadanía e é necesario un novo reencontro do Goberno galego coa cidadanía do país, apostando polo estado de benestar, polos servizos públicos, por novas políticas urbanas e de medio rural e por unha nova política económica e industrial", defendeu Caballero.

A partir de aí, e tras asegurar que "a intención de voto reflicte que o PP non ten números para alcanzar unha maioría absoluta", o socialista fixo un chamamento á "cidadanía que sente o progreso" para que aposte "por un novo ciclo liderado polo PSdeG-PSOE".

Caballero cre que Feijóo busca "escusar o seu fracaso" coas súas críticas a Sánchez 

PAÍS VASCO. Caballero referiuse tamén ao cambio de candidato do PP para as eleccións autonómicas no País Vasco —polo que, no canto de Alfonso Alonso, o será Carlos Iturgaiz—, e, a partir de aí, asegurou que "Feijóo é o máis conservador do Partido Popular". "Cando Casado pacta con Vox, a Feijóo parécelle ben, cando Casado se carga a un home máis progre ou máis moderado no País Vasco pois parece que Feijóo tamén aplaude a Iturgaiz", dixo.

O socialista quixo replicar, ademais, a unhas declaracións do presidente da Xunta sobre a recente presenza de Pedro Sánchez en Galicia, despois de que asegurase que o titular do Goberno central visitou a comunidade con "descualificacións", que son "gratis", e non con solucións. Coñecidas esas palabras, o candidato do PSdeG sinalou que Feijóo trata de "escusar o seu fracaso" en Galicia "buscando outro responsable". 

"Os tres grandes problemas que ten Galicia son o emprego, o despoboamento e reto demográfico e a crise na sanidade pública, e eses tres elementos son retos competencia do Goberno da Xunta", dixo Caballero. 

Caballero tacha a Feijoo de "inimigo" das cidades por "afastarse"...
Comentarios