A campaña 'Metro e medio' fomentará a precaución nos adiantos a ciclistas

Ethel  Vázquel asegura que se debe manter unha "convivencia segura" entre os usuarios da calzada, porque "a estrada é de todos" 

 

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presidiu este mércores a presentación da campaña Metro e medio, que pretende traballar sobre a seguridade dos ciclistas nas estradas galegas, e a través da cal se distribuirán ata 3.000 chalecos reflectores para mellorar a súa visibilidade. Vázquez participou neste evento xunto ao presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e ao recoñecido exciclista Ezequiel Mosquera; que colaborarán directamente na difusión desta campaña.

Ademais da repartición de chalecos, a iniciativa pretende concienciar, como o seu propio nome indica, os condutores da importancia de respectar a distancia de seguridade de metro e medio ao adiantar a un ciclista. De acordo coa conselleira, "reforzar a seguridade viaria" de "usuarios vulnerables" como ciclistas ou peóns é unha "prioridade estratéxica" do Goberno galego que, no marco do plan plurianual vixente para mellorar a seguridade nas vías galegas, acomete distintas actuacións.

A campaña Metro e medio entrará en vigor o próximo 18 de maio coincidindo coa aproximación da época estival

Entre elas, sinalou Vázquez, a construción de itinerarios alternativos mediante o Plan de Sendas, as reformas en estradas ou a sinalización específica de doce tramos de vías autonómicas frecuentadas por ciclistas. En definitiva, a responsable autonómica de Infraestruturas subliñou que o plan vai destinado a fomentar as "condutas responsables" tanto de ciclistas como de condutores para "a convivencia harmónica de todos os usuarios das estradas".

A campaña Metro e medio entrará en vigor o próximo 18 de maio coincidindo coa aproximación da época estival e do aumento do número de ciclistas en circulación. Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, agradeceu a colaboración da Xunta e, sobre todo, da Consellería nesta faceta para facer máis seguras as estradas galegas. Ademais, Ezequiel Mosquera manifestou que a concienciación é practicamente a única forma de alcanzar unha convivencia saudable entre ciclistas e automóbiles.

A finalidade da inciativa é "reducir ao máximo posible o número de vítimas de accidentes de tráfico"

Na presentación da iniciativa, Ethel Vázquez explicou que se trata dunha campaña "pensada para os usuarios" e para garantir "a vida e integridade das persoas" nas estradas galegas, no marco do Plan de seguridade viaria 2016-2020, que permitiu reducir o número de ciclistas mortos na estrada en 29 entre 2016 e 2017. Neste sentido, lembrou que a finalidade é "reducir ao máximo posible o número de vítimas de accidentes de tráfico", polo que a Xunta "traballa no mantemento e construción de novas infraestruturas" e na "eliminación dos tramos de concentración de accidentes" nas 12 vías actualmente protexidas na comunidade galega para o ciclismo, entre outras medidas. 

Nesta liña de actuacións tamén destacou o plan do Goberno galego para implementar "170 quilómetros de sendas enfocadas tanto aos ciclistas de paseo como a deportivos", grazas á "reforma dos carrís bici", actuación xa completada na estrada autonómica PO-552 —que enlaza Vigo, Baiona e A Guarda—.

Mosquera subliñou que "a vía de actuación" non pasa por "endurecer sancións" senón por "fomentar a concienciación da persoa que está ao volante"

CADA VEZ MÁIS. O  exciclista profesional  Ezequiel Mosquera insistiu en que "cada vez os ciclistas na estrada son máis", cuestión que pode derivar nun "aumento da sinistralidade". Ademais, advertiu de que nun accidente entre un condutor e unha bicicleta, "sempre sae perdendo o máis fráxil". 

Mosquera subliñou que "a vía de actuación" non pasa por "endurecer sancións" —aínda que "se cadra tamén", segundo apuntou—, senón por "fomentar a concienciación da persoa que está ao volante", para que "teña moito coidado" e sexa "consciente de que o peor parado sempre vai ser o ciclista". 

Finalmente, insistiu na idea de que "os ciclistas non estorban aos condutores, porque a estrada é de todos", polo que aplaudiu a existencia de campañas desta índole.

INNOVACIÓNS FUTURAS. Pola súa banda, o presidente da Federación  Galega de Ciclismo ( FGC), José Carlos Muñiz, anticipou as innovacións que se poden presentar nos próximos anos no ámbito do ciclismo, como é o caso do "boom" das bicicletas eléctricas, "respectuosas co medio ambiente e non contaminantes".

Comentarios