sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Case 26 toneladas de vidro recollidas na noite de San Xoán na Coruña

Foto de arquivo dunha cacharela da noite de San Xoán. DP
Foto de arquivo dunha cacharela da noite de San Xoán. DP

As actividades de educación ambiental, clave para unha mellor reciclaxe

A campaña especial de recollida de vidro impulsada pola Xunta e Ecovidrio durante a noite de San Xoán -do 23 ao 24 de xuño- na Coruña saldouse cun total de 25,7 toneladas colleitadas. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, celebrou estes datos como exemplo da "cada vez maior conciencia cidadá" en Galicia sobre os beneficios da reciclaxe.

E é que, segundo informa o Goberno galego, esta contía é algo superior á da edición desta festa de interese turístico internacional en 2018, cando se recolleron 23,4 toneladas.

A conselleira destacou este luns na cidade herculina que "a formación é a mellor forma de prevención" en materia de xestión de residuos. Neste sentido, reclamou o apoio de toda a sociedade para "superar" o modelo de fabricar-usar-tirar.
Deste xeito, Vázquez referiuse ás "numerosas" actividades de educación ambiental que promove o seu departamento ao longo do ano para "formar e informar" á cidadanía, ademais de campañas educativas en colexios para implicar nesta tarefa ás novas xeracións. Para estas accións, Medio Ambiente destina en 2019 uns 2,6 millóns de euros.

A educación ambiental, clave na batalla contra a contaminación

Con esta finalidade, a Xunta ve nos festivais que se celebran en Galicia cada ano cunha gran afluencia de público "unha boa oportunidade para tentar implicar á sociedade neste tipo de iniciativas ambientais".

CAMPAÑA EN SEIS PRAIAS. En canto á celebración do San Xoán na Coruña, que congrega a unhas 150.000 persoas cada ano, esta é a quinta ocasión na que a Consellería de Medio Ambiente e Ecovidrio colaboran nesta campaña de sensibilización para fomentar a recollida de vidro en toda a cidade, aínda que cun operativo especial nas praias máis concorridas: Riazor, Orzán, Matadoiro, San Amaro, As Lapas e Oza
En concreto, na acción deste ano despregouse polos areais un equipo integrado por 20 persoas para informar os beneficios ambientais da reciclaxe dos envases de vidro.

Ademais, instaláronse 15 colectores-iglús nas entradas principais de cada praia e lanzouse unha nova edición do concurso 'Rasca e Gaña'.
Segundo esta última iniciativa, por cada tres envases de vidro depositados nos colectores da campaña, os participantes obtiñan unha tarxeta que lles daba acceso a varios premios. 

En total, repartíronse durante a noite de San Xoán 3.000 invitacións para o Aquapark de Cerceda, 100 mini iglús e outros moitos agasallos directos, quedando pendentes dez bicicletas que, precisamente, foron entregadas este luns pola conselleira en compañía do xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández.

Case 26 toneladas de vidro recollidas na noite de San Xoán na Coruña
Comentarios