Centos de pensionistas galegos volven reclamar unhas pensións dignas

Alertan de que a subida pactada será "un espellismo" ► Cren que o pacto entre PP e PNV ten "fins políticos" enfocados a desbloquear a aprobación dos PGE

Manifestación en Lugo dos pensionistas. SEBAS SENANDE
photo_camera Manifestación en Lugo dos pensionistas. SEBAS SENANDE

Os pensionistas galegos volveron a manifestarse nas prazas de Galicia para lanzar a mensaxe de que continuarán coas mobilizacións para pedir unhas "pensións dignas", xa que cren que o acordo alcanzado entre o Goberno e o PNV para subir as prestacións será "un espellismo" e non suporá a "consolidación" das melloras que reclaman. 

Dez localidades da xeografía galega –A Coruña, Vigo, Santiago, Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Ribadeo (Lugo), Noia e A Pobra do Caramiñal (A Coruña)– albergaron na mañá deste sábado concentracións convocadas polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen). 

As mobilizacións prodúcense días despois do pacto alcanzado entre o Executivo que dirixe Mariano Rajoy e o Partido Nacionalista Vasco (PNV) que permitirá que os PGE sexan aprobados no Congreso. O acordo establece emendas ás contas que recollen unha suba das pensións do 1,6% durante 2018 e 2019 e atrasar catro anos, até 2023, a aplicación do factor de sustentabilidade. 

Os pensionistas consideran que este pacto atende "unicamente" a fins políticos para desbloquear a aprobación dos orzamentos por parte do Goberno central e que non vai ter continuidade para "consolidar" a mellora das prestacións que reciben. 

"Seguramente sexa un espellismo que durará o que duren as necesidades da maioría parlamentaria", declarou Álvaro Blanco, membro de Modepen, na concentración celebrada na Praza de Cervantes da capital galega. 

Deste xeito, o colectivo chamou a continuar coas mobilizacións porque entenden que é a única vía para "consolidar" as melloras no sistema de pensións. "Estamos convencidos de que é cuestión de insistir, persistir e resistir", remarcou. 

Así as cousas, consideran que o PP accede a subir as pensións e a atrasar a aplicación do factor de sustentabilidade co único obxectivo de sacar adiante os orzamentos e que, por iso, as melloras serán "inestables" e non terán continuidade.

Comentarios