César Adrio, condenado a 30 anos de cárcere polo asasinato de Ana Enjamio

A sentenza considera probado que matou á moza de 25 anos a coiteladas "polo seu sentimento de machismo e de dominación sobre ela"
César Adrio, es conducido a los juzgados.SALVADOR SAS (Efe)
photo_camera César Adrio. SALVADOR SAS (EFE)

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a 30 anos e catro meses de cárcere a César Adrio, como autor do asasinato de Ana Enjamio, a mozo de 25 anos natural de Boqueixón coa que mantivera unha relación sentimental.

Os feitos sucederon durante a madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016 no portal da vivenda de Vigo na que residía a vítima, quen coincidira esa noite co acusado na cea de Nadal da empresa do Porriño na que ambos traballaban. O Tribunal do Xurado considerou acreditado que o sospeitoso acabou coa vida da súa exnovia a coiteladas "polo seu sentimento de machismo e de dominación sobre ela, muller que, se non ía estar con el, non estaría con ningún outro”. 

O imputado foi sentenciado como autor dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento, concorrendo os agravantes de xénero e de parentesco, á pena de 25 anos de prisión; como autor dun delito de acoso, concorrendo o agravante de parentesco, á pena de 20 meses de cárcere; e como autor dun delito de vulneración da intimidade, co agravante de parentesco, a tres anos e oito meses de prisión. 

A sentenza reflexa que o acusado "se deleitou" co sufrimento da vítima, á que someteu "a unha especie de tortura" cando estaba "totalmente indefensa"

Ademais, a Audiencia impúxolle a prohibición de comunicarse e achegarse a menos de 500 metros dos pais e o irmán da vítima durante un período superior de 10 anos á pena de prisión imposta. Na sentenza tamén acorda, para o caso no que se interpoña recurso, prorrogar a prisión preventiva do acusado ata a metade da pena imposta polo delito máis grave obxecto de condena, é dicir, 12 anos e 6 meses de prisión, a contar desde o día 21 de decembro de 2016.

O acusado, ademais, deberá abonar as costas procesuais causadas, incluídas as das acusacións particular e popular, e indemnizar a cada un dos pais da vítima con 87.900; e, ao seu irmán, con 25.400 euros.

A presente resolución non é firme, pois contra ela cabe interpor recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

"Cosificáraa"
O maxistrado presidente do Tribunal do Xurado recorda a compatibilidade da aplicación do agravante por razón de xénero e a de parentesco. "A de xénero debe aplicarse en todos aqueles casos en que quede acreditado que o autor cometeu os feitos contra a vítima muller polo mero feito de selo e con intención de deixar patente o seu sentimento de superioridade fronte á mesma. Pola contra, a circunstancia mixta de parentesco responde a parámetros objetivables relacionados directa ou indirectamente coa convivencia”, subliña. 

O presidente do tribunal indica que, tal e como asegurou o xurado, o acusado “executou a morte da vítima, á que cosificara, por así dicilo, á que consideraba súa e de ninguén máis”. Para a aplicación do agravante de xénero considera significativas as manifestacións do condenado á súa exmoza, á que advertía de que se non ía estar con el, tampouco ía estar con outro mozo. “Diso debe inferirse o empoderamento co que sentía o acusado sobre a súa vítima", recalca o xuíz. 

O Tribunal do Xurado considerou probado que o condenado atacou ao seu excompañera sentimental dentro do portal cun coitelo e que actuou “dun xeito particularmente perverso, ao comportarse dunha forma alevosa e coa intención de causarlle un particular e innecesario dano”.

"Non só concorren móbil e ocasión para matar á súa exnoiva, senón unha pluralidade de indicios e datos que o vén a situar como o autor material da morte da mesma”, insiste o maxistrado presidente, quen recorda no fallo a "situación de indefensión na que se atopaba a vítima fronte ao seu agresor". Así, fai referencia á súa superioridade física, á confianza da vítima, “que non esperaba tal reacción”, a que fixo uso dunha arma e a que a moza “carecía de posibilidades de defenderse”. 

"Seguindo a convicción do Tribunal do Xurado concorre ese especial temperamento do acusado de deleitarse no sufrimento da vítima que ía matar", sinala o xuíz, quen destaca que o cadáver presentaba lesións deslizantes sobre a pel, no tórax, que se cualifican como “lesións de ameaza ou tenteo”. Esta forma de actuar, segundo consta no fallo, reflicte que o condenado, ademais de perseguir acabar coa vida da moza, quería “causarlle, dunha forma deliberada, unha dor que ía máis aló do que acompaña a unha morte violenta, implicando unha especie de tortura, comportamento máis que impropio dun ser humano, e iso como consecuencia da negativa da vítima a manter unha relación co acusado”. 

En canto ao delito de acoso, o Tribunal do Xurado sinala que, por mor da ruptura, en xullo de 2016, o sospeitoso “despregou toda unha conduta de fustrigación cara á moza” para intentar conseguir que renovase a relación con el. 

Comentarios