A CESM denuncia a situación "crítica" que viviu Atención Primaria este verán en Galicia

Entre os casos máis significativos destacan algúns ocorridos no Grove e a PAC do Salnés
Manifestación de Atención Primaria en Santiago. LAVANDEIRA JR
photo_camera Manifestación de Atención Primaria en Santiago. LAVANDEIRA JR

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) denuncia a situación "crítica" que viviu a Atención Primaria este verán pola falta de persoal, "chegando nalgúns casos a reducirse ata o 50% o número de facultativos", o que, advertiu, "provocou listas de espera de ata 13 días nalgúns centros de saúde, tempos de espera de ata tres horas para ser atendidos os pacientes e unha sobrecarga de traballo insoportable" para os médicos de familia e os pediatras. 

"A situación vivida este verán levou a episodios inverosímiis, como o protagonizado pola directora asistencial da EOXI Pontevedra-O Salnés, quen chegou a facer gardas completas de tarde e noite nun PAC do Salnés, un xesto que queda bastante afastado do que deberían ser os seus labores e responsabilidades desde o cargo que ostenta", explicou CESM nun comunicado. 

O sindicato médico explicou que, "fronte ao reforzo necesario en época de verán" nas zonas de afluencia turística como a costa ou Santiago, o Sergas, "en lugar de planificar e xestionar as vacacións dos facultativos -cuxas preferencias deben comunicar os profesionais antes do 31 de marzo- coas substitucións necesarias" para cubrir esas ausencias, "opta por recorrer ás intersubstitucións e prolongación de xornada de quen xa de seu están saturados con axendas interminables", lamentou. 

O resultado, indica o sindicato, "non pode ser outro que o de xerar listas de espera de ata 13 días, como ocorreu no Centro de Saúde de Cedeira", no que, explicou, "un paciente para activar a renovación dos medicamentos prescritos telefonicamente tivo que esperar unha semana, e outro caso no que o paciente tivo que esperar 13 días para ser atendido en consulta". 

E é que o ambulatorio, dos cinco médicos con que conta, durante o verán queda con dous, o que supón unha redución do 40 por cento. Mentres, o Centro de Saúde do Grove permaneceu pechado varios días sen axendas durante a primeira quincena de agosto. "Só se podían atender as urxencias, xa que dos seis facultativos titulares do centro durante ese período só había un", denuncia CESM. 

Ademais, CESM engade que en Ortegal "un facultativo, dacabalo entre dous centros de saúde, chegou a atender nunha soa mañá a máis de 60 pacientes dos dous ambulatorios que estaba a cubrir", incluídas as urxencias e as visitas domiciliarias. 

Outro exemplo recente produciuse na PAC da Parda, en Pontevedra, onde dos tres médicos titulares só había un, de maneira que a espera dos pacientes para ser atendidos "foi incrementándose desde primeira hora da mañá e ao mediodía superábanse as 3 horas", asegurou CESM. 

As dotacións dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PAC) "víronse seriamente minguadas durante o verán en distintas comarcas de Galicia", sostén CESM, e "en moitos casos a situación agravábase cando o escaso persoal médico deses centros tiña que acudir a urxencias e imprevistos que xurdían", abundou.

"SOBRECARGA". "Esta situación desemboca, ademais, nunha sobrecarga das urxencias hospitalarias, ás que o paciente acode en busca dunha solución a problemas banais, ou para ser atendidos dos seus procesos crónicos que deberían poder resolver os médicos de cabeceira, se non fose porque lles resulta imposible polo exceso de traballo que acumulan en Atención Primaria", comentou este sindicato médico. 

CESM acusa ao Sergas "de falta de planificación e previsión", posto que, incidiu, "esta situación repítese todos os anos sen que traten de pór solución ao problema" e, ademais, "ponse en evidencia o fracaso do Plan de Atención Primaria aprobado o pasado mes de maio, polo menos no referente ao persoal facultativo", sostivo. 

CESM advirte de que "a sobrecarga de traballo á que están expostos" os médicos de familia e os pediatras de Atención Primaria, que, asegura, "seguen cun tremendo déficit de profesionais", provoca "cadros de tensións e ansiedade, que están a incrementar as baixas dos facultativos". 

Por iso, esta central sindical esixe á Xunta "que pase das boas palabras e dos xestos á acción, para dar unha solución definitiva a un problema que se repite cada vez que chega un período vacacional".

Neste sentido, demanda "que se adopten medidas de atracción e fidelización dos profesionais para que non se marchen a outras comunidades autónomas" ou a outros países, "onde si se lles recoñece e compensa a súa profesionalidade", engade. 

CESM anuncia que, de non tomarse medidas "con carácter inmediato para resolver a situación que atravesa a Atención Primaria" en Galicia desde hai máis dunha década, non descartan acudir ás mobilizacións "para facer reaccionar dunha vez por todas ao Executivo", avisa. 

Así mesmo, CESM advirte de que a campaña da gripe "está aí" e "antes de que cheguen os momentos de maior virulencia da epidemia, o Sergas está a tempo de planificar e tomar as medidas necesarias, para impedir o caos en que se converte a sanidade pública cando chegan estes episodios". 

Comentarios