Un paciente illado en Vigo, posible segundo caso de coronavirus en Galicia

O primeiro paciente con coronavirus en Galicia atópase "estable" no Chuac
Hospital Álvaro Cunqueiro. RAFA FARIÑA
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro. RAFA FARIÑA

Un paciente permanece illado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras dar positivo en coronavirus, un positivo aínda non concluínte que debe ser ratificado polo Centro Nacional de Microbioloxía, de Majadahonda. 

Segundo informaron a Europa Press fontes hospitalarias, o paciente está illado nunha planta e os traballadores sanitarios xa foron informados dos protocolos que deben seguir. 

Se se ratifica este caso, sería o segundo infectado por coronavirus na comunidade. O primeiro foi un home de 49 anos que se atopa ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Nestes momentos, mantense estable "dentro da gravidade" e ingresado nunha planta convencional do centro. 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. EFE

Así o trasladou este mércores a xefa de servizo de Medicina Preventiva do centro hospitalario, María José Pereira, nunha rolda de prensa en Santiago para informar os detalles deste primeiro positivo na Comunidade, na que tamén participaron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hervada, así como outros integrantes do departamento. 

O home, residente en Madrid, chegou a Galicia para participar nunha entrevista de traballo. O luns, dada a súa sintomatoloxía, acudiu ao servizo de Urxencias do Hospital da Coruña ao redor das 13.00 horas. 

Nun principio, explicou María José Pereira, o paciente "non cumpría criterios epidemiolóxicos" para consideralo un caso sospeitoso, dado que non estivera en zonas ou países onde "o virus esta circulando". No entanto, foi diagnosticado dunha pneumonía de orixe descoñecida, unha patoloxía ante a que o último protocolo acordado co Ministerio de Sanidade recomenda facer as probas. 

Con iso, de forma preventiva, activouse na tarde do luns o "protocolo de sospeita" do Covid-19 e tomáronse "as medidas de protección a profesionais e pacientes" que estiveron en contacto con el en Urxencias. 

Nun primeiro momento, as probas practicadas na Coruña non foron concluíntes, e remitíronse este martes ao Centro Nacional de Microbiología para a súa análise. Neste caso, os resultados si foron positivos a coronavirus.

"ESTABLE" DENTRO DA SÚA SITUACIÓN "GRAVE". En canto á situación actual do paciente, Maria José Pereira explicou que se atopa nunha unidade de hospitalización "convencional" –non tivo que ser ingresado na Uci– e está "estable" dentro da súa situación "grave". 

Máis en concreto, o seu estado de saúde mantívose "estable" desde "que se iniciou o tratamento específico" para a doenza, hai 24 horas.