A Cidade de Xustiza de Vigo encarécese 10 millóns e as obras alárganse un ano

O mal estado dos edificios anexos da torre do antigo hospital Xeral obrigará á Xunta a realizar un modificado do proxecto

El vicepresidente de la Xunta, Alfonso Rueda, acompañado por el director de la obra y el arquitecto Alfonso Penela, durante la presentación de la segunda fase de la Ciudad de la Justicia de Vigo. XUNTA DE GALICIA
photo_camera El vicepresidente de la Xunta, Alfonso Rueda, acompañado por el director de la obra y el arquitecto Alfonso Penela, durante la presentación de la segunda fase de la Ciudad de la Justicia de Vigo. XUNTA DE GALICIA

O mal estado dos edificios anexos da torre do antigo hospital Xeral obrigará á Xunta a realizar un modificado, que xa tramita, do proxecto de Cidade da Xustiza de Vigo, que o encarecerá 10 millóns de euros e alargará o prazo das obras practicamente un ano, ata agosto de 2020.

Así o anunciou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha visita ás obras da futura Cidade da Xustiza, que xa sufriu outro "contratempo" previo, durante os labores de derriba, ao aparecer amianto, o que encareceu o proxecto, orzado nuns 28 millóns de euros, nun millón adicional.

O arquitecto Afonso Penela sinalou que "calquera intento de salvar" as ás da torre do antigo Xeral "sería máis arriscado, complicado e custoso" que derrubalos e volvelos a construír, como se fará finalmente.

Penela indicou que, "paradoxalmente", estes anexos que se construíron anos despois que a torre están en peores condicións, con estruturas metálicas deficientes ou forxados sen capa de compresión, o que achacou a que se fixeron con "improvisación" e nun escenario de necesidades "urxentes".

O arquitecto descartou que, en diante, poidan xurdir novos "imponderables", que, recordou Alfonso Rueda, xa se advertiu desde o principio que podían darse, dada a envergadura da obra e porque non se constrúe sobre nova planta.

Tamén rexeitou tocar nada do proxecto a pesar das posibilidades que dá construír de novo os espazos que ocupaban os anexos por unha cuestión de prazos.

O vicepresidente da Xunta sinalou sobre o modificado do proxecto que implica unha serie de trámites internos na Xunta, incluída unha consulta ao Consello Consultivo, que xa está feita, e que esta semana irá ao Consello da Xunta. "Intentamos perder o mínimo tempo posible", aseverou Rueda, quen confía en que na tramitación dos permisos municipais "non haxa ningún problema porque está perfectamente xustificado", posto que ata agora houbo "toda a colaboración" por parte da administración local.

Sobre o futuro uso dos actuais edificios xudiciais de Vigo unha vez se traslade toda a actividade á Cidade da Xustiza, Rueda indicou que a Xunta está a traballar coa Universidade para ver se podería aproveitar un dos dous edificios. Porque para o outro inmoble da rúa Lalín, a Xunta insiste na súa proposta ao Ministerio de Cultura de que albergue a biblioteca do Estado.

Unha opción que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a rexeitar ao considerar que a biblioteca do Estado debe erixirse sobre un edificio singular, tal e como propón, nos terreos anexos que expropiou o Concello, en principio para a Cidade da Xustiza, e non nun "bodrio".

Comentarios