miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

A CIG non asina o preacordo con Alcoa por "non garantir" o emprego nin que se reinicie a actividade

Insiste en que está en mans do Goberno buscar unha solución "seria" para todo o cadro 

A CIG non asinou o preacordo alcanzado esta madrugada entre a representación social e a dirección de Alcoa para as plantas da Coruña e Avilés (Asturias) por "non garantir" o emprego, ao obrigar a pactar "xa" as condicións dos despedimentos nin dar garantías "de maneira clara" en relación á reactivación das series de electrolisis.

Nun comunicado, a central sindical afirma que mantivo, desde o inicio, "unha posición totalmente contraria ao peche das fábricas formulado por Alcoa e asumiu até o final o mandato da asemblea dos traballadores de non pactar nin despedimentos nin a parada das series se non se ofrecían garantías claras para volver arrincar as cubas".

O delegado da CIG en Alcoa, Julio Moskowich, explica que rexeitan este acordo "porque se fundamenta nos despedimentos que, a data 1 de xullo, terían lugar inequivocamente e porque vai contra a decisión da asemblea coa que acudimos ás reunións de Madrid". "Baseada en que calquera alternativa tiña que pasar pola garantía do emprego e non asumir ningún despedimento", insiste.

Por outra banda, cuestiona que o preacordo deixe toda posibilidade de mantenimeinto dos empregos e retomar a actividade produtiva "nas propostas que poida pór en marcha o Goberno, principalmente o Ministerio de Industria", con quen o resto da representación social mantivo un encontro este mércores.

Ademais, sostén que "a única alternativa formulada polo departamento de Reyes Maroto até agora limitouse a asumir o plan de peche de Alcoa nun prazo de seis meses".

AXUDAS

Mentres, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirma que o feito de que a asunción por parte do Goberno do plan de peche de Alcoa "é contrario ás súas propias medidas neste conflito xa que, polos prazos que se manexan, a multinacional podería beneficiarse das axudas recollidas no Real Dereto 20/2018 de medidas para a industria electrointensiva".

"Aínda que unha das condicións recollidas neste decreto é manter os postos de traballo e a actividade", lembra. Así, advirte de que o Executivo "ademais de avalar o plan de Alcoa, podería estar a financiar con diñeiro público o peche das fábricas da Coruña e Avilés".

Por todo, iso, asegura que está agora "en mans do Goberno" lograr "unha solución seria e con garantías de mantemento do 100% dos postos de traballo". 

A CIG non asina o preacordo con Alcoa por "non garantir" o emprego...
Comentarios